Jaime de Olano (PP), único deputado mariñao no Congreso

O PP perde máis de catorce puntos na provincia, pero segue a ser a forza máis votada

De Olano, no Congreso. AXM

Co 100% dos votos escrutados, o reparto dos escaños pola provincia de Lugo queda en dous deputados no Congreso para o Partido Popular e outros dous para o PSOE.

O PP mantense como a primeira forza na provincia, con 66.717 votos (o 33,61%). No 2016 obtivera 91.516 sufraxios, o 47,73%, polo que perde máis de 14 puntos.

O PSOE queda a 1.739 votos dos populares, sumando 20.182 sufraxios máis ca no 2016, un total de 65.978 (o 33,24%).

Os 20.127 votos de Podemos (10,14%) e os 17.654 de Ciudadanos (8,89%) non lle alcanzan para conseguir un representante. Vox suma 11.386 votos, o 5,74%. O BNG quitou 9.599 respaldos electorais, un 4,84%. En Marea acadou 2.152 sufraxios.

Así as cousas, Jaime de Olano Vela será o único deputado da Mariña Lucense no Congreso dos Deputados, como cabeza da listaxe do PP na provincia de Lugo. Vivirá a súa cuarta experiencia na Cámara baixa. Nado na Coruña no 1970, de profesión avogado, é presidente da xestora do Partido Popular viveirense desde 2001.

Joaquín María García Díez (Lugo, 1954), alcalde da capital provincial entre 1995 e 1999, será o segundo representante dos conservadores na Cámara baixa.

Pola parte dos socialistas, a farmacéutica Ana Prieto Nieto, tenente de alcalde en Lugo, terá unha acta como deputada no Congreso, así como a número 2, Sonsoles López Izquierdo (Lugo, 1974), deputada provincial.

MERCEDES GONZÁLEZ NON OBTÉN ESCANO

Mercedes González Alonso, edil do Partido Popular en Foz e terceira da lista ao Congreso, quedou finalmente sen escano.

Francisco Pintado (Ciudadanos), médico do Hospital Público da Mariña, e Javier Arca (En Marea), traballador de Alcoa, tamén quedaron sen acta.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here