InicioPolíticaO PSOE superou ao PP en 11 dos 16 municipios da Mariña...

O PSOE superou ao PP en 11 dos 16 municipios da Mariña Lucense

Os socialistas aseguran que as xerais mostran que os populares "non poden ir ameazando", mentres que Candia valora que os conservadores manteñen actas no Congreso e Senado

Publicada o

- Advertisement -

O PSdeG-PSOE foi o gran beneficiado das eleccións xerais na provincia de Lugo, xa que arrebatou o primeiro posto ao Partido Popular (PP) en 23 dos 67 municipios lucenses, e en 11 dos 16 concellos da Mariña Lucense: Alfoz, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, O Valadouro, Ourol, A PontenovaRibadeo, Trabada e Viveiro.

Riotorto, Mondoñedo, Xove, O Vicedo e Barreiros resisten como feudos do PP.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Lugo, Álvaro Santos Ramos, asegurou este luns que o PP desplegou o pasado domingo “toda a súa maquinaria electoral” na provincia, pero aínda así o seu partido conseguiu “practicamente un empate técnico” cos populares, cunha diferenza de só o 0,37% dos votos, “sobre 800” sufraxios.

Queda ver, sinalou Santos Ramos, que sucede co voto exterior, e engadiu que o resultado electoral pode servir “para que no PP se dean conta de que non se pode ir por aí ameazando á xente”. De feito, se o reconto dos votos dos residentes ausentes lle dese finalmente a vitoria ao PSdeG en Lugo, “iso tornaría unha boa nova en magnífica nova”, asegurou.

Desde o seu punto de vista, o “escenario político” é agora “moi positivo” para o PSOE e as “expectativas” tamén son “moi boas” de cara ás eleccións municipais, que se celebrarán o vindeiro 26 de maio.

Con todo, afirmou que os socialistas non poden agora “caer na tentación de extrapolar” os datos das eleccións xerais, porque “hai que ter cautela” e traballar “para gañar” os comicios locais. De todos xeitos, precisou que cos datos do pasado domingo “a Deputación quedaría nas mans do PSOE”, con maioría absoluta ou con pactos con outras forzas de esquerda”.

PP

Pola súa banda, a presidenta provincial do PP, Elena Candia, recoñeceu que “hai que analizar” os resultados colleitados polo seu partido nas eleccións xerais coa mirada posta na seguinte convocatoria electoral, pois, argumentou, “hai que ter en conta que un número importante do voto de centrodereita na provincia de Lugo quedou sen representación” nas Cortes.

Candia resaltou que Lugo foi “unha das poucas provincias de España” na que o PP acadou a mesma representación -dous deputados e tres senadores-, polo que fai “un balance moderadamente positivo” dos resultados obtidos polos conservadores lucenses.

PODEMOS

Unidas Podemos acadou 20.127 votos, que lle valen ser a terceira forza política en Lugo, pero non un escano.

A deputada electa por PontevedraYolanda Díaz, pediu ao PSOE que ademais de “escoitar” o “con Rivera non” que coreaban os simpatizantes que se congregaron en Ferraz a noite do domingo, sexa consciente de que “os números non dan” para conformar un goberno “monocolor”.

CIUDADANOS

Ciudadanos suma 4.434 votos (pasa de 13.220 a 17.654) pero tampouco sumou representantes na provincia de Lugo. Si o fixo na Coruña e Pontevedra, o que motivou que a dirección a nivel galego do partido conservador falase de que a formación laranxa “chegou a Galicia para quedarse“.

VOX

A provincia de Lugo foi a de maior apoio a Vox, que irrumpeu con forza malia non quitar escanos en Galicia. O neofascismo colleitou 11.386 votos, superando ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) e colocándose como a quinta forza política lucense nas eleccións xerais.

BNG

O BNG estivo preto de duplicar os votos recibidos en Lugo con respecto a 2016 (de 4.966 a 9.599) pero quedou lonxe do escano. Tampouco obtivo representación no Congreso nas outras tres provincias, malia confirmar a súa tendencia á alza.

Pese a que a súa recuperación non bastou para acadar o obxectivo, a voceira nacional do partido frontista, Ana Pontón, destacou que se confirma “o cambio de ciclo electoral”, que arrancou nas eleccións galegas e que coloca ao BNG en disposición “de ser decisivo” para “abrir un tempo novo que rematará cun cambio na Xunta de Galicia“.

EN MAREA

Logo do mal resultado de En Marea a nivel xeral e tamén na provincia, onde quitou 2.152 votos, a cabeza de lista ao Congreso dos Deputados por Lugo, Cristina Pérez Herraiz, admitiu que os resultados “foron moi por debaixo dos agardados”.

Pérez Herraiz valorou que “existirá unha maioría de progreso no Estado que poida atender á emerxencia social”, pero lamentou que “a pesar do esforzo inxente de En Marea” a “axenda galega é a grande prexudicada destas eleccións en Galicia”. Segundo adiantou Galicia Confidencial, Podemos e Eu forzarán a saída de Luís Villares do Parlamento galego tralos malos resultados do partido instrumental.

CxG

Compromiso por Galicia (CxG) considerou “doloroso” que Galicia “non teña voz propia” na Cámara baixa. Ademais, a formación que encabeza o sancibrense Juan Carlos Piñeiro preguntou ao PSOE que pasará se finalmente o valadourense César Mogo non acepta a acta de senador obtida, opción que ve “moi probable”.

CxG inquire se será o rexedor de Burela e candidato dos socialistas á alcaldía, Alfredo Llano, o seu substituto, e quen será o alcaldable do PSOE local se se produce finalmente este relevo.

Podes consultar a infografía dos resultados municipais neste enlace de El País.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...