InicioPolíticaPontón ve "movementos extraños" en Barreiros e o BNG de Burela presiona...

Pontón ve “movementos extraños” en Barreiros e o BNG de Burela presiona ao PSOE

A voceira dos nacionalistas pide "responsabilidade" aos socialistas para formar goberno no municipio barreirense

Publicada o

- Advertisement -

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presionou este sábado ao PSdeG-PSOE respecto da posible configuración de gobernos de coalición en Barreiros e Burela. A voceira nacional da formación frontista, Ana Pontón, asegurou que ve “movementos extraños” no municipio barreirense, onde o rexedor en funcións e candidato do PP, Alfonso Fuente Parga, admitiu contactos coa líder dos socialistas, Carmen Veiga.

Populares e nacionalistas terán o mesmo número de edís, cinco, na corporación barreirense. Malia que os conservadores perderon un concelleiro e foron superados en votos polo BNG, Veiga manifestouse en contra da liña oficial do partido para non descartar ningún tipo de acordo e reivindicar que tamén a chave da formación do goberno. O PP manda en Barreiros desde hai décadas, e o actual rexedor en funcións ocupa o cargo de alcalde desde 2005.

Neste senso, Pontón pediu “responsabilidade” ao PSdeG-PSOE “para garantir gobernos municipais alternativos” ao Partido Popular, centrándose en dous casos concretos, o dos concellos de Barreiros e Fene, onde ao seu xuízo os socialistas realizaron “movementos estraños”.

A voceira nacional do BNG, inmerso en negociacións cos socialistas para formar executivos tanto a nivel municipal como provincial, insistiu en que a formación frontista quere ser un dique de contención para a dereita.

“NON HABERÁ CHEQUE EN BRANCO” EN BURELA

Pola súa banda, o voceiro do BNG de Burela, Mario Pillado, referiuse tamén este sábado á situación do municipio burelao, onde o PSOE perdeu a súa maioría absoluta ao acadar seis edís.

O alcalde en funcións e candidato socialista, Alfredo Llano, anunciou a súa intención de gobernar en minoría chegando a acordos puntuais co PP, que ten catro edís, e co BNG, que sumou un para alcanzar tres.

Pillado afirma que “a veciñanza deulle un pequeno tirón de orellas” a Llano e “deixou claro que non quere unha nova maioría absoluta do PSOE durante os próximos catro anos en Burela”. Así, resaltou que o electorado “outorgou ao BNG unha maior representación no
Concello, pasando de dous a tres concelleiros en detrimento dos socialistas, co que iso significa”.

Nese senso, desde o BNG adiantan que non van dar un cheque en branco ao PSOE se opta por gobernar en solitario. “Nós debémonos ao interese xeral de Burela e imos pór enriba da mesa unha serie de asuntos prioritarios para os próximos catro anos. Consideramos que no pasado mandato quedaron moitas cousas por facer e iso non se pode volver repetir”, indica Pillado.

PAVILLÓN

Entre eles, o BNG de Burela cita a construción dun novo pavillón. Os nacionalistas sosteñen que o goberno burelao “non fixo os deberes” nos últimos catro anos, mesmo despois de chegar a un acordo unánime da corporación para a nova instalación, e lamentan que a vila “poda perder partidos da Primeira División de fútbol sala“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...