BNG e PSOE de Barreiros achegan posturas para un goberno de coalición

Os nacionalistas aceptan formar un goberno de coalición no que a edil socialista fose concelleira de asuntos sociais e segunda tenente de alcalde, pero non a dedicación exclusiva solicitada

Ana Ermida. AXM

O BNG de Barreiros e mailo PSdeG-PSOE achegaron posturas para a formación dun goberno de coalición que remate con décadas de mandatos da dereita, despois dunhas eleccións locais que deron unha volta á situación do municipio e nas que a formación frontista empatou a edís co Partido Popular (PP), -cinco- e superou en votos aos conservadores, mentres que os socialistas obtiveron un edil que pode ser chave. 

Trala petición da candidata dos socialistas, Carmen Veiga, da concellería de asuntos sociais e dunha dedicación exclusiva, os nacionalistas aceptaron que o PSdeG-PSOE se integre no executivo municipal, responsabilizándose desa área e formando parte da xunta de goberno local, podendo ademais ostentar a segunda tenencia de alcaldía.

Con todo, e malia que o Bloque aceptou parte das demandas de Veiga, as referentes ás áreas de goberno solicitadas, polo de agora non hai acordo, polo que queda pendente a toma dunha decisión sobre a dedicación exclusiva que solicita a alcaldable socialista para formar un goberno en coalición.

VEIGA: “QUEDA TEMPO”

Preguntada sobre a segunda reunión cos nacionalistas, Veiga expuxo que “non existe por agora un acordo” e que ambas partes se emprazaron a unha terceira xuntanza, con data aínda por concretar. “Queda tempo”, asegurou a candidata socialista, que non se pronunciou sobre a posibilidade de renunciar á dedicación exclusiva pedida.

“OPORTUNIDADE HISTÓRICA”

Desde o BNG resaltan que o municipio “ten por diante a oportunidade histórica” de rematar “co caciquismo e o amiguismo instalado neste concello a costa de empeñar á veciñanza”. A candidata nacionalista, Ana Ermida, afirma que “desaproveitar tal oportunidade sería deixar tiradas a todas as persoas que o 26 de maio perderon o medo a loitar pola democracia en Barreiros”, asegura.

“OFERTA XENEROSA”

Non se entendería unha posición enquistada que impedira que o 15 de xuño se dea cumprimento ao desexo maioritario do pobo de Barreiros”, expón a alcaldable da formación frontista, “polo que o BNG quere amosar xenerosidade e altura de miras en beneficio do ben común”. 

“Consideramos que a oferta é xenerosa e adecuada á representatividade obtida por cada unha das formacións; ademais de responsable á vista da situación económica existente no Concello de Barreiros”, conclúen os nacionalistas. 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here