InicioPolíticaViveiro mantén dedicacións exclusivas para rexedora e tenente de alcalde, cun aumento...

Viveiro mantén dedicacións exclusivas para rexedora e tenente de alcalde, cun aumento dos soldos

María Loureiro cobrará 37.200 euros brutos anuais, 5.900 máis que no anterior mandato, e Suso Fernández percibirá 28.500, 4.700 por riba. Non haberá retribucións parciais

Publicada o

- Advertisement -

O executivo municipal de Viveiro levará o vindeiro xoves ao pleno de organización o reparto de áreas de goberno e tamén a aprobación de dúas dedicacións exclusivas –as mesmas do anterior mandato-, a da alcaldesa, a socialista María Loureiro, e a do tenente de alcalde, Suso Fernández.

O salario de Loureiro aumentará de 31.300 a 37.200 euros brutos anuais. A rexedora responsabilizarase das áreas de urbanismo, patrimonio e seguridade cidadá.

Tamén se incrementa, en 4.700 euros, a retribución que percibirá Fernández, de 23.800 a 28.500 euros brutos anuais. O tenente de alcalde viveirense será o encargado das concellerías de economía e facenda, mar, participación cidadá, desenvolvemento local e será o responsable do conservatorio de música.

Lara Fernández, número 3 do goberno viveirense e segunda tenente de alcalde, levará as áreas de cultura e muller.

Jesús Fernández Cal, terceiro tenente de alcalde, ocuparase de obras, medio ambiente, medio rural e servizos públicos.

Marisol Rey, cuarta tenente de alcalde, ostentará as delegacións de turismo, comercio e consumo, mentres que César Iglesias Docal, a primeira novidade na corporación, asumirá deportes. Os seis edís formarán a xunta de goberno local.

Finalmente, Victoria Baamonde levará servizos sociais e Emilio Villarmeá, que no último mandato ocupouse de deportes, será o edil de educación e xuventude.

SALARIOS “MOI POR DEBAIXO DO PERMITIDO”

Loureiro expón que malia que os salarios se incrementan en arredor de 10.700 euros anuais, o seu soldo como alcaldesa está lonxe “do tope permitido pola lei, que por poboación do municipio sería de 53.000 euros brutos anuais”.

A rexedora lembra que Viveiro podería ter “ata sete dedicacións” e que centra as retribucións en dous salarios acordes, resalta, coa “responsabilidade” de goberno que hai nun concello coma o viveirense, “con case 16.000 habitantes. Somos consecuentes coa situación económica do municipio”, asegura.

ASIGNACIÓNS AOS PARTIDOS

No tocante ás asignacións aos grupos políticos, serán de 270 euros fixos ao mes e 30 por cada concelleiro. Os edís que non contén con dedicación percibirán 60 euros por cada asistencia ás sesións plenarias e de 30 por participar na xunta de goberno local, comisión informativa, comisión especial de contas ou mesa de contratación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...