Convocada para xoves a elección dos seis representantes da Mariña na Deputación

Mayra García e María Loureiro serán as deputadas do PSOE, mentres que non trascenderon os delegados de PP e BNG

Deputados socialistas e o nacionalista Antonio Veiga, charlando nun pleno do anterior mandato. ÓSCAR BERNÁRDEZ

A Xunta Electoral Zonal (XEZ) convocou para o vindeiro xoves a elección dos deputados provinciais que corresponden ao Partido Xudicial da Mondoñedo.

Elexiranse seis representantes da Mariña Lucense na corporación provincial: tres do Partido Popular (PP), dous do PSdeG-PSOE e un Bloque Nacionalista Galego (BNG), segundo os resultados das pasadas eleccións municipais, celebradas o 26 de maio.

Polo de agora, o PSdeG-PSOE avanzou as súas dúas representantes, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a rexedora de Trabada, Mayra García Bermúdez.

Por parte do PP, non trascenderon os seus tres deputados, aínda que Elena Candia postulouse días atrás para repetir como voceira dos conservadores na Deputación.

Finalmente, o BNG decidirá o vindeiro mércores, nunha asemblea prevista para as 21.00 horas, o seu deputado.

Tampouco trascenderon os candidatos a representar aos nacionalistas mariñaos en San Marcos. Na anterior lexislatura, o representante foi o edil de Barreiros Antonio Veiga.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia -sobre o que se especulou que podería aspirar ao cargo-, abriu unha porta este martes a que algún integrante do executivo local ribadense tivese unha liberación da Deputación, aínda que non concretou quen nin en que cargo.

REPETICIÓN DE ELECCIÓNS EN BURELA

Así pois, o contencioso presentado por Burela Sempre e estimado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que obrigará a repetir as eleccións locais na mesa do Perdouro, non varía polo de agora a folla de ruta para a constitución da Deputación de Lugo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here