As retribucións dos gobernos locais suscitan críticas en Cervo, Foz e Ribadeo

O BNG cervense asegura que o executivo local custará "160.000 euros" ao engadir o gasto polas Xuntas de Goberno, "un 60% máis" ca na anterior lexislatura

Corporación de Cervo. AXM

As retribucións dos gobernos locais foron fonte de polémica e desataron as críticas en municipios como Cervo, Foz ou Ribadeo, onde a oposición criticou o, ao seu xuízo, gasto excesivo en salarios para sufragar as dedicacións dos concelleiros.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Cervo censurou a liberación e tres dedicacións parciais aprobadas no pleno do pasado xoves cos únicos votos a favor do executivo municipal do Partido Popular (PP).

O executivo municipal contará cunha dedicación exclusiva para o alcalde, Alfonso Villares, de 42.000 euros brutos mensuais, e tres parciais para Dolores García Caramés, (19.599), David Rodríguez Pernas (18.200) e Manuela Méndez (13.089 euros brutos mensuais).

Os nacionalistas salientan que as asignacións económicas para o grupo de goberno “increméntanse nun 60% con respecto hai catro anos, cun gasto por riba de 160.000 euros ao ano”.

A formación frontista calcula este total en base a que outros dous edís “cobrarán por asistencias a Xuntas de Goberno 150 euros por sesión, que de celebrarse ordinarias suporán un gasto de 7.200 euros ano, aínda que a previsión seguindo a norma dos últimos anos será a súa multiplicación”.

O concelleiro do BNG cervense, Diego Fernández, cualifica o gasto neste apartado como “unha desvergoña” para “un concello de pouco máis de 4.000 habitantes”.

PRENSA

O Bloque censura ademais que “o gasto do grupo de goberno complétase coa contratación dun posto de persoal de confianza nomeado pola alcaldía cun custe anual de 24.160 euros para comunicación municipal”.

Fernández remarca que “Cervo é, co municipio de Lugo, os únicos dous concellos da provincia que conta con gabinete de prensa ao servizo da alcaldía”.

PXOM

Os nacionalistas cervenses felicitáronse por sacar adiante a creación da Comisión de Urbanismo e Patrimonio para impulso do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que “leva 14 anos parado, e o coidado e recuperación do cuantioso patrimonio cultural do concello”. Sen o documento, asegura o BNG, “non terían sucedidas desfeitas coma a do castro da Atalaia“. 

FOZ

En Foz, o PP recriminou ao goberno bipartito o seu “dobre raseiro” no tocante ás dedicacións. Do executivo en coalición só cobrarán edís socialistas, o alcalde, Fran Cajoto, cunha liberación de 43.770 euros, e a edil Inés López Couto, que traballará para o Concello a tempo parcial cunha retribución de 21.882.

Os populares afirmaron que nas dúas lexislaturas que gobernaron en minoría (2011-2015 e 2015-2019) “a oposición negou indiscriminadamente a dedicación parcial que solicitabamos”.

No pleno de organización de 2015, lembrou o partido conservador, “o voceiro do PSdeG-PSOE alegou que historicamente nunca as houbera e que eran os funcionarios os que debían resolver o día a día”.

“DIVISIÓN” NO BNG FOCEGO

O ex rexedor e edil do PP, Javier Castiñeira, aludiu tamén a unha presunta “división” dentro do seo do BNG focego sobre o goberno en coalición recén formado o feito de que “o concelleiro nacionalista, Iago Villamil, non forme parte do bipartito”.

RIBADEO

O PP de Ribadeo, pola súa banda, considera excesiva a segunda dedicación exclusiva aprobada polo goberno nacionalista. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, percibirá un líquido de 2.390 euros ao mes, por 14 pagas, e o concelleiro delegado de medio ambiente e deportes, Jorge Díaz Freije, cobrará 1.379 euros líquidos menuais, noutros 14 pagamentos.

Son as mesmas cantidades que no anterior mandato, pero os populares rexeitan a segunda dedicación exclusiva dado que “todos sabemos que Ribadeo descendeu en número de veciños e por iso tamén diminuíu o número de edís, de 17 a 13”.

Así, os conservadores non entenden que o goberno nacionalista “pretenda xustificar dúas liberacións pola complexidade da xestión municipal nun Concello con amplos servizos e que viu incrementada a súa poboación”.

RECLAMAN MÁIS PLENOS

O líder do PP ribadense, Daniel Vega, pediu a celebración dun pleno ordinario da corporación cunha periodicidade mensual, o que demostraría “calidade democrática”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here