Tensión entre o alcalde de Castroverde e a burelá Patricia Otero nas primarias do PSOE lucense

O rexedor castroverdense, José María Arias, pide á deputada mariñá que se "disculpe" por chamarlle "machista" logo de que el afirmase que está "teledirixida"

José María Arias e Patricia Otero. AXM

EFE. A tensión medrou no proceso de primarias do PSdeG-PSOE entre os candidatos a ocupar a secretaría xeral do partido na provincia de Lugo, o alcalde de Castroverde, José María Arias, e a deputada no Parlamento galego Patricia Otero, ex edil de Burela.

Este xoves, Arias pediulle a Otero que “se disculpe” por chamarlle “machista“, logo de que el dixese que a súa candidatura “está teledirixida” e que os socialistas de Lugo “non poden ser conexiños de indias“. “Se en vez de min se presentara un compañeiro, non diría iso”, asegurou a deputada.

“Non creo que dixese ningunha palabra para merecer esa cualificación”, expuxo Arias, quen opina que estas declaracións de Otero están “fóra de lugar“, polo que lle pediu á candidata que o chame e lle pida desculpas.

Segundo Arias, tralas primarias ambos candidatos daranse “un abrazo” e poranse a traballar, gañe quen gañe, no “proxecto común” do PSdeG-PSOE, que pasa por “chegar a gobernar na Xunta de Galicia” a partir das eleccións autonómicas do vindeiro ano.

IRONÍA

En calquera caso, Arias tirou de ironía para responder a Otero, que lle ofreceu a posibilidade de sumarse á executiva como secretario de medio rural. “Agradézollo”, dixo Arias, “e tamén lle ofrezo a ela integrarse na miña como secretaria de pesca“.

PRESENTACIÓN DE AVAIS

Ambos presentaron o pasado mércores os avais para iniciar a campaña electoral das primarias. Otero asegurou que ten “moi boas sensacións” no que se refire ao posible apoio da militancia, dado que conseguiu respaldos “en case todas as agrupacións da provincia”.

O seu obxectivo, asegura, é acadar unha organización na que “todo o mundo se vexa representado”, para facer “un partido cohesionado, desde os militantes ata os cargos institucionais”.

Afirmou que comparte con Arias a idea de que “todos” están “no mesmo barco”, pero lembra que, aparte diso, “todos” teñen que “remar na misma dirección”, porque do contrario “o barco da voltas sobre si mesmo, pero non avanza”.

Nese sentido, asegurou que chegou o intre “de mirar cara o futuro“, porque “auga pasada non move muíño”.

A VOTACIÓN, O DÍA 20

A votación celebrarase o 20 de xullo, cando máis de 1.800 militantes socialistas están chamados a participar nas primarias.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here