InicioPolíticaO goberno de Lourenzá terá unha dedicación exclusiva e outra parcial, cun...

O goberno de Lourenzá terá unha dedicación exclusiva e outra parcial, cun aumento dos salarios

A rexedora, Rocío López, percibirá 3.000 euros brutos mensuais e o tenente de alcalde, Javier Huertas, 1.500 por 20 horas semanais

Publicada o

- Advertisement -

A corporación de Lourenzá celebrou este xoves o pleno de organización do municipio, no que o executivo socialista aprobou as áreas de goberno dos seis edís que lle outorgaron as urnas o pasado 26 de maio e tamén as dedicacións; unha exclusiva para a alcaldesa, Rocío López, e outra parcial para o tenente de alcalde, Javier Huertas.

A rexedora cobrará unha cantidade maior ca do anterior mandato, no que percibiu 32.110 euros brutos anuais (2.250 ao mes). Na lexislatura que vén de comezar percibirá 3.000 euros brutos mensuais en 14 pagas, mentres que Huertas terá unha dedicación parcial de 20 horas semanais por un total de 1.500 euros netos ao mes.

O anterior tenente de alcalde, Carlos Rivas, que demitiu por discrepancias co executivo, desfrutara dunha dedicación dun día semanal por 5.738 euros cada exercicio.

UNHA DEDICACIÓN PARCIAL, “NECESARIA”

O goberno local aprobou estas retribucións cos seis respaldos do grupo socialista, o voto en contra dos tres edís do PP e a abstención dos dous concelleiros do BNG.

A alcaldesa salienta que o aumento do seu salario é de “473 euros líquidos” e argumenta que a dedicación parcial recoñecida débese “á necesidade que vimos notando de contar cun reforzo no día a día para o desenvolvemento do municipio”.

RENUNCIAN A DIETAS E QUILOMETRAXE

Ademais, matiza que aínda que as cantidades son “evidentemente superiores”, tanto a rexedora como o tenente de alcalde comprométense a renunciar a dietas e compensacións por por quilometraxe ou desprazamentos.

Así, fai fincapé en que estas últimas cantidades ascenderon en anos e gobernos anteriores “a preto de 3.000 euros por ano“.

López remarca que na pasada lexislatura, “aínda que tiña dereito a facelo porque non contraera o compromiso adoptado hoxe (por este xoves), renunciei a cobrar os gastos que me correspondían por dietas e quilometraxe”.

A asistencia a pleno pagarase a 70 euros por cada edil das tres forzas políticas da corporación, unha compensación da que non se poderán beneficiar os dous edís con dedicacións recoñecidas.

CONCELLERÍAS

No tocante ás áreas de goberno, López ocuparase de contas, facenda, desenvolvemento económico, turismopatrimonio. A rexedora fai fincapé en asumir esta última delegación porque considera que “un dos principais puntos deste mandato debe ser mellorar a situación do mosteiro de San Salvador, que nos preocupa moito. Tentaremos buscar financiamento e que o bispado se implique na súa conservación”, sinala.

Obras, urbanismo, infraestruturas, tráfico, persoal, emprego e participación cidadá serán competencia de Huertas, primeiro tenente de alcade.

Manuel Arango, que ostentará a segunda tenencia de alcaldía, levará as áreas de educación, cultura, normalización lingüística e festexos.

Benestar social, igualdade e sanidade son as delegacións que asumirá a terceira tenente de alcalde, Mercedes Dengra.

Mario Leitón Ramallal ocuparase de medio ambiente e desenvolvemento rural. Finalmente, deportes e xuventude quedarán baixo a responsabilidade de Sonia Gavino.

O BNG, CON REPRESENTANTE NA MANCOMUNIDADE

No tocante á representación municipal nos órganos colexiados, a novidade reside na presenza do edil Enrique José Rocha Pérez, do BNG, como segundo representante do goberno local -ademais da rexedora- na Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense.

O grupo nacionalista “mostrounos a súa intención de colaborar co equipo de goberno e facer unha oposición construtiva, polo que chegamos a un acordo para que eles tamén tivesen voz na mancomunidade”, explica López.

PLENOS

Os plenos serán o terceiro xoves de cada mes, ás 20.30 horas, en xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...