A Mancomunidade estudará solicitar un plan de emprego para 100 persoas

O colectivo de municipios contrará un xerente de turismo, co que espera contar o 1 de agosto

Integrantes da Mancomunidade, na presentación das audioguías dos cascos históricos. AXM

A Mancomunidade de Municipios da Mariña acordou, no pleno celebrado en Trabada, contratar un xerente de turismo e estudar a adhesión a un programa integral de emprego para formar a 100 persoas, das que 35 terían unha oportunidade de traballo durante un prazo de tres meses.

O presidente do colectivo de municipios e alcalde de Burela, Alfredo Llano, anunciou que “aprobamos as bases para contratar o antes posible un ou unha xerente de turismo. Esperemos que poida estar traballando a partir do 1 de agosto, unha vez que culmine todo este proceso”, precisou.

alomenos 35 dos participantes do plan terían traballo durante tres meses

CADA CONCELLO DECIDIRÁ SE SE SUMA

Respecto do plan de emprego, Llano explicou que “hai convocado un programa cunhas características que poden ser moi boas para a inserción laboral de moita xente da nosa comarca”. A Mancomunidade decidiu dar un prazo a cada un dos 16 municipios para que analicen se queren participar e, “unha vez se decida, faremos o proxecto e solicitaremos esta iniciativa”, asegurou o presidente da agrupación.

Llano agarda que haxa unanimidade e lembra que “xa tivemos a experiencia no 2016, pero daquela soamente participaron seis municipios”.

AXUDAS A DEPORTISTAS

A Mancomunidade mariñá tamén decidiu aumentar de 5.000 a 10.000 euros as partidas destinadas á promoción da comarca que fan os deportistas. Estes fondos beneficiarán “a deportistas individuais ou de equipo que compitan fóra de Galicia ou ben que vaian ao estranxeiro”.

SOCORRISTAS

No tocante ás dificultades que teñen algúns municipios -como Xove, Burela ou Cervo– para contratar socorristas, dada a escasa demanda de traballo, a Mancomunidade acordou solicitar á Xunta de Galicia máis oportunidades de formación e homologación do título para os rapaces e que os profesionais presten servizo durante tres meses.

A Mancomunidade tamén tratou unha colaboración coa Federación de Comercio A Mariña (FCAM) un proxecto de formación para mellorar a atención ao cliente tanto en hoteis como restaurantes, e de promoción do comercio local fronte a internet.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here