A Deputación acabará as residencias da Pontenova e Ourol pero abre a incógnita sobre o modelo de xestión

O novo executivo provincial di "que non pode asumir os gastos de funcionamento de máis centros" e asegura que "traballará para que a Xunta asuma as súas competencias"

Vista aérea da Pontenova. AXM

As obras das residencias de Ourol e A Pontenova seguirán a folla de ruta prevista nos convenios asinados entre os concellos e a Deputación no pasado mandato. O novo executivo provincial asegurou que “manterá os compromisos” adquiridos pola institución ata a data.

No caso da Pontenova, o proxecto aséntase nun acordo para a adquisición dos terreos e realización das obras asinado en febreiro de 2018, cunha dotación de 1,2 millóns de euros da entidade provincial.

En Ourol, o convenio, que contempla a remodelación do CEIP Vicente Casabella para ubicar o centro de maiores, selouse o pasado mes de xullo, co mesmo financiamento da Deputación.

ÁBRESE A INCÓGNITA SOBRE A XESTIÓN

A incógnita pesa sobre “o modelo” de xestión co que, rematadas as obras, se porá en marcha o servizo. A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, expuxo este martes, en declaracións a Efe recollidas por Lugo Xornal, que a entidade provincial “non pode seguir asumindo os gastos de funcionamento de máis centros porque consumirían todo o seu orzamento”.

A nacionalista lembrou que a competencia lle corresponde a Xunta de Galicia e sinalou que o executivo bipartito “traballará para que o goberno galego asuma a súa responsabilidade”.

PRAZAS PÚBLICAS EN TRABADA E RIBADEO

A apertura de residencias públicas foi unha das bandeiras da Deputación no pasado mandato, con Darío Campos na presidencia. Nos centros postos en marcha durante a lexislatura, como os de Trabada e Ribadeo, o custo das prazas establécese en función da renda das usuarias e usuarios ata un máximo de 600 euros.

A entidade provincial e os concellos sufragan a diferenza entre o prezo a pagar e o custo real do servizo. A Deputación financia o 75 por cento do importe, mentras que os concellos achegan o 25 por cento.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here