De Olano, vicesecretario de Participación na nova cúpula do PP de Casado

O ex concelleiro de Viveiro e deputado no Congreso, substituirá no cargo a Andrea Levy e será un dos seis segundas espadas na directiva dos populares detrás do presidente e de García Egea

De Olano, segundo pola esquerda na fila de atrás, cos integrantes da directiva da nova cúpula do PP. AXM

O ex concelleiro de Viveiro e deputado no Congreso Jaime de Olano asumirá o cargo de vicesecretario de Participación na nova dirección do Partido Popular (PP), coa que o líder da formación conservadora, Pablo Casado, se rodeou dos seus afíns.

Apenas hai representantes do PP de Galicia na nova cúpula do partido conservador, o que semella un xeito de marcar distancias por parte de Casado con respecto a Alberto Núñez Feijóo. De Olano é un home de confianza do actual presidente da formación conservadora.

Teodoro García Egea será o número 2 e secretario xeral, a man dereita de Casado. Detrás deles virán os seis vicesecretarios: Ana Beltrán (de Organización); Antonio González Terol (Territorial); Pablo Montesinos (Comunicación, suplindo a Marta González, próxima a Feijóo); o propio de Olano, que substituirá a Andrea Levy na anteriormente denominada área de Estudos e Programas; Cuca Gamarra (Política Social) e Isabel García Tejerina (Política Sectorial).

CANDIA: “SERÁ UN ALTOFALANTE” DA MARIÑA

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, salientou que co nomeamento do ex concelleiro de Viveiro e de José Manuel Barreiro, que ostentará a portavocía de Economía no Senado, “Lugo gaña. Estes dous compañeiros defenderán con absoluto rigor aos lucenses desde a posición que ten o partido nas institucións centrais”, asegurou.

“Serán dous altofalantes da nosa provincia, polo que estamos moi orgullosos de que o novo secretario de Participación sexa un veciño da Mariña Lucense“, afirmou. A súa elección, expón Candia, é “atinada” porque ambos “reúnen formación, experiencia política e cultura de partido”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here