Mercados os terreos da residencia da Pontenova, na Chousa de Vilaoudriz

O Concello achegará 120.000 euros para a finca e a Deputación espera que as obras comecen "este ano"

Darío Campos. AXM

A Deputación de Lugo aprobou na xunta de goberno a compra dos terreos para a construción da residencia e centro de día da Pontenova.

A finca que albergará a residencia ten 2.200 metros cadrados de extensión e atópase a 500 metros do núcleo urbán pontenovés. Está situada na zona da Chousa de Vilaoudriz, unha contorna á beira do río Eo, que conta con zonas verdes e de paseo. Así, a súa situación favorecerá o desfrute do ocio dos maiores e tamén o seu desprazamento á farmacia, o centro de saúde e outros servizos cos que conta o pobo.

A CONTORNA DO INMOBLE OFRECE ZONAS VERDES E CERCANÍA ao río e AO NÚCLEO

1,5 MILLÓNS DE INVESTIMENTO

O investimento na compra das parcelas, realizada con fondos do Concello, é de 120.000 euros. O municipio achegará outros 200.000 euros e o goberno provincial destinará ao servizo 1,2 millóns, para unha inversión total superior aos 1,5 millóns de euros.

O seguinte paso para acadar o servizo é a redacción do proxecto, tarefa que “os técnicos da Deputación comezarán de seguido”, explicou o presidente do ente provincial e tamén alcalde da Pontenova, Darío Campos. O Concello deberá entón outorgar a licenza de obra e daquela empezarán os traballos para a construción do inmoble, que segundo Campos “arrincarán, previsiblemente, este mesmo ano”.

50 PRAZAS, 20 DE CENTRO DE DÍA

O servizo ofrecerá unhas 50 prazas, 30 delas para residentes e 20 de centro de día. O presidente da Deputación asegura que se asignarán os postos respectando o modelo do ente provincial para as residencias, que prioriza aos lucenses sobre outros demandantes.

Campos afirmou que “a infraestrutura social ofrecerá aos veciños da zona un servizo profesional que lles permita desenvolverse con normalidade no seu día a día e preto das súas casas. É por iso que o Goberno provincial está a construír unha rede de residencias e centros de día públicos, coas que facer fronte á escaseza de prazas públicas para maiores na provincia”, rematou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here