O BNG de Barreiros pide un pleno extraordinario para esixir o arranxo da LU-P-608

Os nacionalistas queren saber "as condicións" do acordo entre o Concello e a Deputación para o cambio da titularidade do treito da estrada San Cosme-Trabada

Treito da estrada. AXM

O BNG de Barreiros rexistrou unha solicitude de pleno extraordinario para que a corporación barreirense adopte o compromiso de esixir á Deputación Provincial que arranxe ou financie o arranxo do treito da estrada LU-P-608 que vai desde San Cosme a Trabada, e que o ente provincial cedeu ao Concello.

A voceira do grupo municipal do BNG, Ana Ermida, expón que “pese a que presentamos un rogo pedindo isto mesmo a primeiros de xuño, o alcalde solicitou a cesión dun vial que pasará a converterse nunha carga máis para Barreiros. Pedir a titularidade dunha estrada en mal estado sen pedir o seu arranxo ou diñeiro para levalo a cabo é unha torpeza absoluta, carente da mínima lóxica”, asegura.

Ermida referiuse á explicación dada polo rexedor barreirense días atrás. Alfonso Fuente Parga asegurou que o Concello solicitou a titularidade dese vial para facilitar o acceso ao parque eólico que vai poñer en marcha Norvento, xa que lle reportará uns ingresos de 30.000 euros anuais ás arcas municipais, e confirmou que “a propia firma” se encargará do arranxo. A voceira do BNG pregunta “a cambio de que beneficio unha empresa privada fará as obras” e resalta que “ese non é o xeito oportuno de xestionar os bens e diñeiro público”.

Para xustificar a solicitude do pleno extraordinario, o grupo municipal do BNG afirma que, “tendo en conta que o acordo adoptado coa Deputación Provincial debe ser aceptado polo Pleno do Concello de Barreiros, é oportuno especificar as condicións ou negociacións que deban acompañar tal aceptación, xa que do contrario sería asumir innecesariamente obrigas que non corresponden ao Concello”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here