O PSdeG pedirá no Parlamento pasos de peóns en Beltrán

Os socialistas alertan de que os veciños teñen "un problema de seguridade" para cruzar ás súas fincas

Xuntanza cos veciños do dirixente socialista. AXM

O PSdeG levará ao Parlamento Galego os “problemas de seguridade” na glorieta de Beltrán, no municipio de Xove. Os socialistas lamentan que os veciños non dispoñen de pasos de peóns sinalizados para cruzar a estrada nas inmediacións do treito da Vía de Alta Capacidade (VAC) da Costa Norte, nunha zona de tránsito.

ESCRITO ENVIADO Á XUNTA

O secretario xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, mantivo unha xuntanza con veciños da zona. O dirixente socialista asegura que “a veciñanza enviou á Xunta de Galicia no mes de marzo do 2017 un escrito asinado por 72 persoas, no que pedía a instalación de pasos de peóns no cruce que dá acceso á VAC e ao camiño da Meixoeira“. 

Os asinantes lembraron no escrito que a creación da glorieta no punto quilométrico 98,230 da estrada LU-862 dividiu o núcleo de Beltrán e o camiño da Meixoeira, que dá acceso ás fincas de boa parte da veciñanza. Así, os veciños transitan con frecuencia con gando e apeiros de labranza. Nas proximidades da rotonda tamén hai un campo de fútbol de uso habitual e un restaurante.

PROPOSICIÓN NON DE LEI

Santos Ramos anunciou no encontro que “os socialistas presentaremos unha proposición non de Lei no Parlamento Galego para dar solución a un problema de seguridade que a Xunta coñece pero non resolve”. Na iniciativa, o PSdeG insta ao Executivo autonómico a solucionar esta situación mediante pasos de peóns ou calquera outra solución técnica.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here