O BNG promete levar a Madrid “as vellas e esquecidas demandas” da Mariña, o “motor” da provincia

Os nacionalistas presentaron en Viveiro aos mariñaos que forman as listas ao Congreso e ao Senado, coa presenza de Olalla Rodil, número 1 á Cámara baixa por Lugo

Presentación das candidaturas do BNG ao Congreso e ao Senado, na estación de tren de Viveiro. AXM

O BNG presentou este sábado en Viveiro ás candidatas e candidatos da Mariña Lucense que forman parte das listas ao Congreso dos Deputados e ao Senado para as vindeiras eleccións xerais. Asistiu ao acto a cabeza de lista por Lugo á Cámara baixa, Olalla Rodil.

Daniel Castro, de Ribadeo; Xosé Manuel Peña; de Foz, Miriam Bermúdez, de Viveiro; Belén González, de Xove; Susana Riveira, do Vicedo, e Andrea Martíns representan á Mariña nas candidaturas do BNG “co compromiso de dar voz a esta comarca, auténtico motor económico da provincia de Lugo, na que representa unha altísima porcentaxe do seu PIB e que nas últimas décadas sufre un continuo esquecemento e abandono por parte dos sucesivos Gobernos do Estado dunha e doutra cor”.

Neste sentido a voceira comarcal e alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida manifestou que “é necesaria a presenza do BNG no Congreso dos Deputados para facer valer esta comarca, visto que as forzas de obediencia estatal deixan de lado os intereses mariñaos á hora de posicionarse e buscar solucións en temas tan importantes coma a crise en Alcoa ou as infraestruturas”.

Rodil afirmou que “fronte á irresponsabilidade e a frivolidade coa que actúan as forzas políticas estatais que miran os seus propios intereses antes ca os da sociedade galega e mariñá, o BNG ofrece seriedade, diálogo e responsabilidade na acción política”.

TARIFA ELÉCTRICA GALEGA

A número 1 dos nacionalistas ao Congreso por Lugo referiuse á enerxía, “necesaria para que siga funcionando o mais importante polo industrial da provincia, a factoría de aluminio de San Cibrao, pero tamén moitas empresas da comarca e da provincia que tenen que pagar un altísimo prezo pola electricidade, por eso o BNG demanda un marco enerxético propio coa creación dunha tarifa eléctrica galega que abarate o prezo da enerxía no país que mais produce no Estado”, argumentou.

INFRAESTRUTURAS

O BNG tamén se compromete a levar ao Congreso “vellas demandas” da sociedade mariñá, entre elas “rematar co retraso nas infraestruturas viarias, coma a autovía Barreiros-San Cibrao, con décadas de esquencemento enriba, ou a vía de FEVE, porque se hai vontade política, pódese evitar que siga esmorecendo e convertila nun moderno medio de comunicación”.

AUTORIDADE PORTUARIA PROPIA

O BNG “defendeu sempre e vai seguir defendendo” a segregación do porto de San Cibrao, “pois xera anualmente mais de tres millóns de euros de ingresos para a autoridade portuaria de Ferrol sen que teña ningún tipo de retorno considerable” para a comarca da Mariña. O BNG agarda que os anuncios que se fan nestes días ao respecto non sexan estratexia electoral de ninguén e agarda que se fagan efectivos nun curto espazo de tempo.

APERTURA DO DIQUE DE MORÁS AO TRÁFICO COMERCIAL

A apertura do dique norte de Morás ao tráfico comercial é “outra das reivindicacións que sempre abandeirou o BNG pero que as forzas estatais nunca priorizaron sigue sendo vital para a comarca e os nacionalistas seguirán defendendo”.

PESCA

A pesca é outra das preocupacións do Bloque, trala presentación nestes días da proposta de Bruxelas de TAC e cotas para 2020, que anuncia recortes para a pesquería da pescada, “importantísima para a Mariña. Fan falta voces no Estado que recoñezan que somos altamente dependentes deste sector e que actúen en consecuencia”.

PENSIÓNS

Os nacionalistas tamén lembraron que “moitos colectivos de pensionistas da Mariña e de Galicia saen á rúa todas as semanas na loita por unhas pensións dignas, loita mais que xusta e necesaria porque en tema de pensións estamos á cola do Estado”.

Neste sentido, o BNG defende “que Galicia asuma a competencia da xestión e réxime económico da Seguridade Social e derrogar a Lei 27/2011 que supuxo unha contrarreforma brutal das pensións. Proponse elevar progresivamente a pension mínima, que deberá coincidir co Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Así mesmo, demandamos o compromiso legal de que as pensións se revaloricen, polo menos segundo o IPC, e establecer a xubilación ordinaria aos 65 anos”, conclúen os nacionalistas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here