InicioPolíticaO BNG de Mondoñedo denuncia ante a Valedora "obstrucións" do Concello no...

O BNG de Mondoñedo denuncia ante a Valedora “obstrucións” do Concello no acceso á información

Os nacionalistas critican que desde o pasado 1 de xullo non se entregaron as actas das reunións das Xuntas de Goberno Local

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Mondoñedo presentou unha queixa ante a Valedora do Pobo en relación co funcionamento ordinario do Concello no que tocante ao acceso á información, coa entrega das actas das reunións da Xunta de Goberno Local e sobre a celebración periódica dos plenos ordinarios no Concello.

Segundo o voceiro do BNG mindoniense, Eloi Cabanas, o funcionamento ordinario do Concello de Mondoñedo é “totalmente contrario aos dereitos dos concelleiros”. O edil denuncia “obstrucións nas funcións de fiscalización e control encomendadas aos concelleiros da oposición por parte da lexislación local básica”.

A modo de exemplo, Cabanas apunta que desde o 1 de xullo deste ano non se entregan as actas das reunións da Xunta de Goberno Local, reuníndose esta todos os luns tal e como se estableceu no pleno de organización do Concello o pasado 24/06/2019.

“DIFICÚLTASE” A LABOR DE FISCALIZACIÓN DA OPOSICIÓN

Con este feito o goberno popular de Elena Candia incumpre de forma flagrante a lexislación vixente a cal establece que despois da celebración da xunta de goberno hai un prazo de dez días para enviar copia da acta a todos os membros da corporación”.

Por outra banda o BNG tamén se queixa pola demora no tempo de entrega da documentación solicitada formalmente no rexistro, no acceso á información de expedientes que obran en poder do Concello para poder facer efectivas e reais as funcións de control e fiscalización da labor do goberno que ostentan os concelleiros da oposición.

Esta solicitude de información, no mellor dos casos facilítase pasados meses desde a solicitude”, critica Cabanas, “o que ocasiona un grave prexuízo aos concelleiros da corporación. A última documentación que recibimos foi solicitada por escrito a mediados de agosto e o goberno ten que saber que se no prazo de cinco días non se dita resolución denegatoria debidamente xustificada, a petición de acceso a información entenderase concedida por silencio administrativo”, explica.

CRÍTICA AO “ABUSO” DOS PLENOS EXTRAORDINARIOS

Finalmente o edil nacionalista indica que tampouco se respecta a periodicidade de celebración dos plenos ordinarios establecidos igualmente na sesión plenaria de organización da nova corporación local, “último venres dos meses de xullo, setembro, novembro, xaneiro, marzo e maio, debendo así realizarse un pleno no mes de setembro que non foi convocado, mais no mes de outubro celebráronse tres plenos extraordinarios convocados por urxencia”, sinala.

Para o voceiro nacionalista as convocatorias non estaban axeitadamente xustificadas xa que o seu propio nome xa indica que debe ser unha circunstancia extraordinaria urxente a que permite convocar plenos con estas características. “Este tipo de sesións plenarias non permiten un estudo sosegado dos asuntos que conforman a orde do día e privan á oposición de debater as súas propias mocións e realizar rogos e preguntas de interese para a veciñanza”, expón Cabanas, que lle pide á alcaldesa “que cese na súa actitude de restrición dos seus dereitos e que cumpra os prazos conforme se establecen na lei”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...