Ana Ermida será a candidata do BNG á alcaldía de Barreiros

A nacionalista presentouse como cabeza de lista para as municipais de maio na área recreativa de Insua, onde a formación celebrou o día da Patria Galega

Ana Ermida, durante a presentación da súa candidatura. AXM

Ana Ermida encabezará a lista do BNG de Barreiros nas vindeiras eleccións municipais. Os nacionalistas fixeron o anuncio este domingo durante a xuntanza que organizan cada ano para celebrar o día da Patria Galega na área recreativa de Insua.

Na presentación da súa candidatura á alcaldía, Ermida afirmou que “o Bloque ten un proxecto solvente e que conta con persoas capaces e dispostas a levalo a cabo; por iso non temos que darlle voltas aos nomes”. A tamén responsable comarcal do partido, engadiu que presenta “unha candidatura seria, avalada por un programa e unhas ideas coas que pretendemos un cambio en Barreiros que permita que as veciñas e veciños volvan a amosar orgullo ao dicir de onde somos”

Acompañada por outros cargos locais e comarcais da formación e mais da deputada no Parlamento galego, Olalla Rodil, a aspirante á alcaldía barreirense citou como referentes outros concellos con gobernos nacionalistas. “Queremos converter Barreiros noutro Ribadeo, Muras, Allariz ou Pontevedra. Que a xente saiba que hai un proxecto de Concello e que somos quen de levalo adiante”, enfatizou.

Ermida anunciou que nos vindeiros meses continuarán coas reunións nas parroquias para recoller propostas ecompletar o programa electoral co que se presentarán ás municipais de maio. A formación nacionalista aproveitou tamén a cita para distribuír exemplares do novo número da súa publicación municipal “A Xanela”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here