Mesma corporación electoral, escenario máis aberto en Burela tras repetirse a votación no Perdouro

O PSdeG-PSOE, que en maio descartara un goberno de coalición, móstrase disposto "a explorar a mellor opción" fronte a un BNG que sae reforzado de cara ás negociacións

Llano e Pillado. AXM

O resultado da repetición das eleccións municipais na mesa 1.5.U do Perdouro, tras estimar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a impugnación dos comicios presentada por Burela Sempre, deixa o mesmo reparto de representantes -seis para PSdeG-PSOE, catro para PP e tres para BNG– na corporación burelá, pero un escenario máis aberto que no pasado mes de maio. A gobernabilidade no municipio, despois de varios meses cun executivo en funcións, pasa por un acordo entre socialistas e nacionalistas, que pode ter múltiples fórmulas. Antes do inicio das negociacións, que poderían comezar esta mesma semana, ningunha das dúas formacións pecha, por agora, a porta a ningunha posibilidade.

Non foi así tralo pasado 26-m, cando o executivo socialista anunciou en varias ocasións a súa intención de gobernar en solitario, alegando entón que nove concelleiros é un número excesivo para Burela, e optando por chegar a un acordo programático co BNG para que facilitase a súa investidura e para dotar de estabilidade política ao municipio.

UN ACORDO PROGRAMÁTICO, DE INVESTIDURA OU UN BIPARTITO, POSIBILIDADES

Preguntado por se o partido socialista mantén tralo 17-n a negativa a un bipartito, o alcalde en funcións, Alfredo Llano, móstrase prudente. “Temos unha maioría simple que nos obriga a negociar e chegar a acordos. Imos tentalo co Bloque e estes días miraremos de consensuar datas de reunións”, expón.

“O PSdeG-PSOE sentarase co Bloque e veremos cal é a mellor opción. Imos obxectivar que podemos facer e pode haber moitas fórmulas“, admite o rexedor, que lembra que xa tivo experiencia nun goberno de coalición, nun contexto de acordos entre as dúas formacións a nivel galego, tal e como está a acontecer na actualidade, con pactos na Deputación ou, entre outros municipios, en Foz ou Barreiros.

Malia que os socialistas non foron capaces de recuperar a maioría absoluta coa repetición electoral, o que atribúe “á escasa participación“, Llano considera que o PSdeG-PSOE ten a lexitimidade de “ser de longo a lista máis votada -1.837 votos, por 1.089 do PP e 810 do Bloque- e gañar en todas as mesas dos comicios locais, tamén no Perdouro”.

OS ORZAMENTOS OU A RTP, PENDENTES

Agora, en cambio, pesa un novo factor, a necesidade de premura. “Hai présa de normalizar a situación, levamos demasiados meses cun goberno en funcións. Hai que facer un executivo estable e un programa para o que queda de lexislatura. Temos pendentes os orzamentos para 2020, a Relación de Postos de Traballo (RPT), contratacións ou taxas”, expón Llano.

LLANO CHAMA A BUSCAR “O INTERESE COMÚN POR RIBA DAS SIGLAS”

Con todo, o alcalde en funcións chama á responsabilidade durante as negociacións. “Nas reunións que fagamos temos que pensar no que cunda a todos, no que sexa bo para o concello de Burela; todo o que acordemos debe ser, por riba de siglas, para beneficiar á veciñanza. Debe orientarnos o interese común e facer un programa bo para todos”, conclúe.

PILLADO ALÉDASE POLA ENTRADA DE SILVINO OROZA

O BNG, pola súa banda, semella saír reforzado de cara ás negociacións, por un lado porque mantén a súa representación e non se deu ningún dos outros dous escenarios posibles, que en calquera caso reforzarían a intención do PSdeG-PSOE de gobernar en solitario; unha maioría absoluta dos socialistas ou a perda do terceiro edil do partido frontista en favor de Burela Sempre, o que deixaría a corporación máis aberta (6-4-2-1) para chegar a acordos puntuais, tendo en conta que o executivo municipal só precisaría de convencer a un dos tres partidos da oposición para sacar adiante as súas propostas.

Por outro, pola mencionada necesidade dun goberno con urxencia tras meses de prórroga da pasada lexislatura. Así, a formación nacionalista confirmouse como a chave para desbloquear a situación.

O voceiro do BNG, Mario Pillado, mostrouse tamén cauto. “Imos ver cal é a mellor posición para defender os intereses da veciñanza e en función diso actuaremos. Estamos abertos a todo, non temos ningunha decisión tomada”, indica o concelleiro nacionalista, que lembra que antes de que prosperase o recurso de Burela Sempre houbo dúas xuntanzas nas que socialistas e frontistas “puidemos coñecer a nivel programático o que propón cada partido; veremos como se pon iso en común”, expón.

Pillado congratulouse de que “finalmente vaia entrar na corporación unha persoa como Silvino Oroza, que leva moito tempo traballando desde o tecido asociativo de Burela, polo que consideramos moi importante que poida ter a súa acta de concelleiro”.

SILENCIO NA DESCUBERTA DO ÚLTIMO VOTO

Con todo, a entrada de Oroza decidiuse por un voto. Ao empatar Burela Sempre e BNG a 270 sufraxios, os necesarios para acadar o décimo terceiro edil, o desempate resolveuse cun terceiro representante para a formación máis votada, tal e como establece a normativa electoral. Nun reconto con certo balbordo, co instituto ateigado nunha imaxe que contrastaba coa escasa afluencia de xente durante o horario de votación, a descuberta do último voto impuxo o silencio, pois se era para Burela Sempre cambiaría a corporación burelá; finalmente, foi para outro partido.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here