InicioPolíticaRouco carga contra o BNG por negarse a valorar un goberno co...

Rouco carga contra o BNG por negarse a valorar un goberno co PP e Pillado asegura “respectar” as urnas

Os populares acusan de "sectarismo" aos nacionalistas, que responden que traballar polo interese da veciñanza de Burela "pasa por interpretar ben os resultados electorais"

Publicada o

- Advertisement -

O Partido Popular (PP) de Burela cargou este venres contra o Bloque Nacionalista Galego (BNG) por “non ser capaz de priorizar os intereses do municipio” e “negarse a sentar co PP para buscar a estabilidade gobernamental“. O presidente dos conservadores burelaos, Manuel Rouco, acusa de “sectaria” á formación frontista que, asegura, é coñecedora “do descontento que existe coa xestión do goberno socialista”.

Rouco recoñece que os populares, que contan con catro edís na corporación por tres do Bloque e seis do PSdeG-PSOE, estableceron contactos coa formación nacionalista “para acabar coa parálise que temos en Burela. Demos un paso adiante porque entendiamos que todos os grupos que concorremos ás eleccións facémolo para servir aos nosos veciños, incluso por riba das siglas políticas. Comprobamos que non é así. Desde logo, ao grupo que represento é o único que lle importa”, argumenta.

O voceiro dos conservadores mostrouse crítico coa xestión de PSdeG-PSOE ao longo dos últimos catro anos. “Crearon o slogan Burela Bonita, pero o que temos é un concello estancado, sen oportunidades, desaproveitado a pesar dos potenciais que temos, como o porto ou o turismo. O BNG sábeo”, argumentou.

“CÓMPLICES” DO “ESTANCAMENTO” DO MUNICIPIO

Dado que está pendente a investidura, Rouco convida ao BNG “a repensar a súa postura” e “rachar cos estereotipos ou coas directrices que a algúns lles poidan dar desde a dirección do partido”, e non ser “cómplices do estancamento”. Así, conclúe que “se para que o noso pobo mellore é necesario establecer negociacións baixo un acordo de mínimos con outras forzas, farémolo”.

O BNG DESCARTA UN APOIO AO PP NA INVESTIDURA

Non imos gobernar co Partido Popular“, zanxa o voceiro do Bloque, Mario Pillado, sobre un posible executivo en coalición, unha resposta que repite cando se lle pregunta pola posibilidade de facilitar a investidura do PP se non saen adiante as negociacións co PSdeG-PSOE.

Descarta así calquera tipo de apoio aos populares. “Defender o interese xeral é interpretar os resultados electorais da mellor maneira posible e respectar a vontade dos veciños. Para iso traballamos. O BNG é o único partido que sae reforzado dos pasados comicios iniciados en maio, e o PSdeG-PSOE aínda que baixou o seu número de apoios é de novo a forza máis votada, de xeito que estamos centrados nas negociacións” que están a manter socialistas e nacionalistas, explica.

Respecto da decisión de non aceptar a proposta dos populares, Pillado defende que o BNG “é unha formación asamblearia e é a asemblea local a que decide que non imos gobernar co PP”, unha decisión que se corresponde coa intención da dirección do BNG a nivel galego, que se comprometeu a “evitar gobernos da dereita” aínda que estudando cada municipio “caso por caso”.

PSOE E BLOQUE RETOMARÁN AS NEGOCIACIÓNS O LUNS

PSdeG-PSOE e BNG retomarán o vindeiro luns as negociacións iniciadas esta semana, na que segundo as dúas formacións están “todas as opcións abertas”, tanto a posibilidade de gobernar en coalición como a de que ambos partidos cheguen a un acordo, ben para a investidura, ben a nivel programático para a lexislatura.

Segundo o alcalde en funcións de Burela, o socialista Alfredo Llano, a investidura será o 7 de decembro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...