O goberno de Burela propón unha comisión para catalogar os vestixios do franquismo

Trala moción do BNG para eliminar do rueiro a Eijo Garay, o goberno local quere crear un comité de expertos que estudie ese e outros casos e "consensúe" as medidas a tomar

Consistorio de Burela.

O equipo de goberno de Burela proporá no vindeiro pleno, previsto para o xoves 2 de agosto, a creación dunha comisión de seguimento para a catalogación dos vestixios do franquismo na vila. A xunta, que formarán representantes de todos os grupos da corporación e especialistas como historiadores ou arqueólogos, adicarase a compilar e estudar os posibles casos de apoloxía da ditadura que poda haber na localidade, e ponderar a súa eliminación.

O goberno local presentará unha moción de substitución á proposta rexistrada semanas atrás polo grupo municipal do BNG, que solicita a retirada do nome do bispo Leopoldo Eijo Garay do rueiro de Burela. Os nacionalistas resaltaron para xustificar a súa postura que o prelado foi un baluarte ideolóxico do fascismo e “declarou a batalla do bando rebelde como cruzada”.

no municipio aínda hai “escudos co xugo e as frechas ou homenaxes a persoeiros da ditadura”

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, entende que a comisión axudará a “estudar e consensuar” as medidas a tomar neste ámbito, que non deben ser “automáticas” e resalta que “cambiar o nome dunha rúa supón unha serie de cambios e connotacións que non podemos olvidar”. O rexedor lembra que, ademais da rúa Eijo Garay, hai aínda no municipio “algún escudo co xugo e as frechas, enseñas ou homenaxes a persoeiros do franquismo” que cómpre revisar.

Ademais, sinala que o caso de Eijo Garay “ten unha particularidade, e é que o seu recoñecemento non veu imposto, non foi froito da vitoria na guerra, senón que houbo unha certa vontade do pobo de Burela. Foi un home que formou parte da Real Academia Española e ao que se lle atribúen xestións para a consecución do primeiro porto de abrigo”.

os populares afirman que eliminar ao bispo do rueiro sería impopular e traería “problemas administrativos aos negocios”

O PP, EN CONTRA

O PP de Burela anunciou a súa intención de votar en contra da proposta do BNG, ao entender que o cambio de nome da rúa “causaría problemas administrativos aos veciños e aos comercios desa vía, que está chea de negocios”. Os populares apelan á practicidade e sinalan que “os propietarios nada teñen que ver co franquismo e só queren continuar a súa vida cotiá sen alteracións”.

O grupo municipal do PP afirma que “Eijo Garay fixo xestións para o inicio do porto de abrigo sen pedir nada a cambio e antes da guerra fratricida” e asegura que a medida sería impopular. “Falando cos veciños, constatamos que a maioría oponse a esta iniciativa”, remata.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here