A oposición de Burela tomba o contrato de recollida de lixo e o pleno amosa a fráxil posición do goberno

Llano acusa de "infantís" a PP e BNG e di que os responsabilizará "se a vila se queda sen limpeza", mentres que nacionalistas e conservadores xustifícanse no encarecemento do servizo

Pleno de Burela. AXM

A oposición de Burela, Partido Popular (PP) e Bloque Nacionalista Galego (BNG), tombaron no pleno telemático celebrado o pasado xoves a adxudicación a Urbaser do novo contrato dos servizos de recollida de lixo, limpeza viaria, xestión do punto limpo e limpeza de praias. O PSdeG-PSOE non puido sacar adiante a súa proposta e a sesión plenaria evidenciou a súa fráxil posición ao gobernar en minoría, con seis representantes por catro dos conservadores e tres da formación frontista.

O GOBERNO RESALTA AS “MELLORAS” NO SERVIZO

Para resolver unha vella eiva a nivel municipal, a dun servizo que causou controversia nos últimos anos e ao que afectaron recursos que ralentizaron o procedemento e tamén a repetición electoral pola reclamación de Burela Sempre, o executivo municipal propuña un contrato de catro anos máis un de prórroga, cun prezo de licitación de 816.000 euros anuais.

O edil socialista Ramiro Fernández Rey expuxo que a concesionaria actual leva “moitos anos cunha contratación en precario” e apelou á “responsabilidade” da oposición para respaldar unha axudicación “moi necesaria”, alertando de que a situación coa adxudicataria “non pode seguir moito tempo así” e da posibilidade de que Burela “quede sen recollida de lixo“.

O concelleiro socialista defendeu que o contrato conlevaba melloras en materias como a recollida de mobles e enseres, que pasaría “dun día a semana a cinco”, ademais de incrementar tamén a frecuencia “na recollida de papel e cartón porta a porta, ata seis veces semanais, o que favorecerá ao comercio. Tamén imos ter dúas varredoras en lugar de unha e un punto limpo móbil. Os servizos hai que pagalos”, argumentou.

O BLOQUE INSISTE EN ABORDAR A MUNICIPALIZACIÓN OU MANCOMUNAR O SERVIZO CON CERVO

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Mario Pillado, insistiu en solicitar que se aborde “a municipalización” do servizo, e propuxo estudar a posibilidade de “mancomunalo” co Concello de Cervo, que o xestiona directamente.

O concelleiro frontista xulgou que o servizo “é mellorable” pero asegurou que o importe proposto -que significaba un aumento dos 660.000 euros que percibe Geseco a 816.000 euros- “non é sostible” para a veciñanza de Burela no actual contexto, para remarcar que a posición do Bloque “foi xa oposta” desde que se soubo o importe do contrato.

Pillado cuestionou que, por ser máis caro, “o servizo vaia ser mellor”, e remarcou que “o que si sabemos é que o custo para os veciños vai subir, se non é a través do imposto será a través do incremento do gasto nos orzamentos, que se sufragan cos cartos de todos”.

PP: “SERÍA O SERVIZO MÁIS CARO DA HISTORIA NUN CONTEXTO DE CRISE”

Tamén se mostrou contrario desde o principio o Partido Popular. O voceiro dos conservadores, Manuel Rouco, alegou tamén para votar en contra o encarecemento do servizo, “nun 24%, con 150.000 euros máis ao ano. Sería aprobar a recollida do lixo máis cara da historia da nosa vila nun contexto de grave crise sanitaria e social”, asegurou, para preguntarse “que intereses” ten o grupo socialista para “facer unha proposta desta magnitude sen ter listos os orzamentos”.

O voceiro do grupo maioritario da oposición tamén asegurou que “a declaración de estado de alarma, no que actualmente estamos, suspende os procedementos administrativos e, polo tanto debería terse solicitado ás empresas que se presentaron ao concurso unha declaración expresa de conformidade do acto de adxudicación, máxime tendo en conta que o servizo se está prestando pola actual empresa concesionaria”.

LLANO: “NINGUNEAN O TRABALLO DA MESA DE CONTRATACIÓN”

Tanto nacionalistas como populares insistiron na “afectación á veciñanza” do encarecemento do servizo para votar que non á proposta do goberno local. Mentres a oposición remarcou o contexto de crise social e económica para desbotar o contrato, o executivo municipal argumentou en base á propia emerxencia sanitaria, ao ser necesaria unha maior meticulosidade coa hixiene, a aposta por ampliar a recollida de lixo.

Visiblemente molesto, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, acusou a nacionalistas e populares de manter “unha actitude infantil” perante “unha cuestión moi seria. Hai que ter valor, porque ningunean o traballo da mesa de contratación. Durante bastante tempo fixéronse as bases, sacouse a licitación, presentáronse varias empresas, houbo que decidir cal delas era a apropiada en base a valores técnicos, de vixilancia, cun esforzo constante durante moito tempo”, argumentou.

CHOQUE ENTRE NACIONALISTAS E SOCIALISTAS

O rexedor cualificou de “incrible” a negativa da oposición a aprobar a recollida de lixo e asegurou que resposabilizará aos dous grupos “se a vila queda sen limpeza”, dado que a posibilidade de prorrogar a actividade coa empresa actual “está collida polos pelos e nunha situación anormal“.

Mentres, o voceiro dos nacionalistas, agrupación coa que os socialistas abordaron unha negociación fallida para un goberno bipartito, lembrou o resultado electoral para soster que “é importante que os tres grupos nos acostumemos” ao reparto “que agora mesmo na corporación de Burela”. Deste xeito, lembrou que “o alcalde de Burela” é Alfredo Llano, “en solitario e minoría, como quixo”.

O CONCELLO CRE QUE A VOTACIÓN PODE SER NULA

“Temos que ver e contrastar si isto é nulo de pleno dereito ou a ver cómo se fai”, expuxo o alcalde, ao entender que se trata dunha negativa a aceptar a opción mellor valorada polos técnicos da mesa de contratación.

A PROPOSTA DO PLAN ÚNICO, TAMÉN REXEITADA

Outro dos asuntos sobre a mesa foi os proxectos do Plan Único para presentar á Deputación de Lugo. PP e BNG opuxéronse a destinar os 145.000 euros propostos -máis outros 23.000 que serían achegados pola entidade municipal- para a segunda fase do proxecto de mellora da rúa Rosalía de Castro, e pediron utilizar eses cartos para necesidades derivadas da pandemia.

Os nacionalistas suxeriron “compensar a baixada do orzamento do programa do servizo de axuda no fogar (SAF), ata 40.000 euros, e o resto do orzamento para completalo programa de gasto derivado do Covid-19“. Pillado expuxo que “cremos que a obra” en Rosalía de Castro “pode agardar a futuras convocatorias do plan” e instou ao Concello a “analizar as necesidades da vila neste momento e xuntar recuros e información para cubrir esas necesidades, posto que non se sabe que cantidade do superávit do pasado exercicio e do remanente acumulado se vai poder empregar”.

PP E BNG PEDÍAN DESTINAR O DIÑEIRO PARA A SEGUNDA FASE DAS OBRAS ROSALÍA DE CASTRO A EMERXENCIAS SOCIAIS

Rouco argumentou no nome dos conservadores a oposición do grupo a “un desprezo á cidadanía, aos afectados por ERTEs e aos autónomos e Pemes, o feito de que só se fixen 10.000 euros para gasto corrente derivados da crise do coronavirus, e que mesmo se rebaixe máis dun 10%, concretamente 5.000 euros, a partida do Plan Único para servizo de axuda no fogar (SAF), pasando de máis de 39.000 euros a 35.000 euros”.

Llano acusounos de presentar emendas “unhas horas antes da celebración” e de falar xenericamente sobre a que destinarían os cartos para necesidades derivadas da pandemia, “que, como e cando”. Así as cousas, a proposta foi retirada da orde do día.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here