A situación de Alcoa protagoniza o pleno da Deputación

PSOE e BNG reclaman a petición dos nacionalistas medidas da Xunta e do Goberno dado que a multinacional "deixa morrer" San Cibrao; o PP di que a "única solución" é "o estatuto"

Pleno telemático da Deputación. AXM

A situación de Alcoa, que na mañá deste martes anunciou unha reunión cos sindicatos para abordar medidas, entre elas de carácter “laboral”, protagonizou o pleno ordinario da Deputación de Lugo.

A corporación provincial aprobou a instancias do BNG unha moción de apoio aos traballadores da factoría de San Cibrao e ao persoal das empresas auxiliares. Un total de 45 empregados de Cyrgasa e Reymogasa viron suspendidos os seus contratos por mor dos Expedientes de Regulación de Emprego (Ertes) presentados e asinados tras renunciar Alcoa ao cambio das cubas de electrolise, que conserva a maquinaria cando chega á fin da súa vida útil.

A iniciativa recolle as demandas que a plataforma sindical de empresas auxiliares -que aglutina preto dun milleiro de traballadores- trasladou a todos os grupos políticos e insta á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a actuaren para evitar que “continúe a perda de postos de traballo na factoría sancibrense”.

A moción propón rexeitar a medida anunciada pola multinacional de non rebrascar as cubas, manifestar o apoio da institución provincial ao persoal afectado polos Ertes nas empresas auxiliares, solicitar a mediación da Xunta de Galicia para evitar que sexa efectiva a decisión da multinacional e se busque unha solución para que non paren as cubas, así coma para que ningún traballador de empresas auxiliares perda o seu posto de traballo, e solicitar a intervención do Goberno do Estado para que a multinacional non deixe morrer a factoría e non se perda ningún posto de traballo.

BNG: “XUNTA E ESTADO BOTAN BALÓNS FÓRA”

A deputada nacionalista Mónica Freire advertiu que “a empresa está a seguir a mesma estratexia que coas factorías da Coruña e Avilés” e acusou aos gobernos da Xunta e do Estado de “botar balóns fóra” e “non buscar unha solución”.

“A perda de actividade en Alcoa non está orixinada polo prezo da enerxía, que coa crise da Covid-19 baixou ata os 20 euros por MW/h, senon que é algo premeditado por parte da empresa para deixar morrer a factoría”, argumentou a nacionalista.

“Xunta e Goberno central teñen as competencias e ata o de agora non foron capaces de buscar unha solución. O que é inútil, e non lles soluciona nada aos traballadores, é botar balóns fóra“, sentenciou a deputada mariñá.

TOMÉ INSTA AO EXECUTIVO AUTONÓMICO A “DESENVOLVER AS SÚAS COMPETENCIAS”

Pola súa banda, o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, cuestionou “a vontade” de que a Xunta “desenvolva as súas competencias en política industrial e fomente o desenvolvemento e capte investimentos, entre outras moitas iniciativas necesarias”. Deste xeito, censurou que o Goberno autonómico “non recolla no orzamento para 2020 partidas específicas para adoptar medidas que apoien o tecido industrial galego e, polo tanto, o lucense”.

TOMBADA A MOCIÓN DO PP

Socialistas e nacionalistas tombaron unha moción do Partido Popular, que eludía responsabilizar ao Goberno galego e pretendía poñer o foco en que “a solución” pasa “única e exclusivamente por aprobar un estatuto que recolla as alegacións presentadas ao mesmo e que si dan resposta ás demandas dos axentes sindicais e dos traballadores”.

Respecto á demanda dos obreiros de constituír unha mesa de negociación, o voceiro do PP lucense, o mariñao Javier Castiñeira, criticou que o Executivo “non quixo montar a mesa que pedimos, a sabendas de que están dando mal os números da fábrica e o Covid-19 está mermando o consumo interno e rebaixando a produción”.

O deputado conservador asegurou que “Tomé descoñece o que representa Alcoa para a provincia” e, malia que por agora non houbo recortes de emprego no complexo industrial de San Cibrao máis alá das auxiliares, reclamou a socialistas e nacionalistas a que “non se ciñan só ao problema das contratistas ou das ETTs porque a cuestión é moitísimo maior”, sinalou.

INCORPORACIÓN DE REMANENTES AO ORZAMENTO

A corporación provincial aprobou durante o pleno ordinario, cos votos a favor dos grupos do PSdeG e o BNG e a abstención do PP, a incorporación de remanentes de tesourería ao Orzamento 2020 da Deputación de Lugo por importe de 13,6 millóns. Deles, máis de 10,2 destinaranse ao Plan Único co fin de que acade unha dotación económica por un total de 21,3 millóns, 3,3 dos cales estarán dedicados a reforzar a cooperación cos Concellos e co tecido asociativo da provincia “co fin de que poidan impulsar medidas que melloren o benestar social e que favorezan a reactivación económica e o emprego, algo especialmente importante no contexto de crise que vivimos provocada pola pandemia do coronavirus”, subliñou a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez.

PSOE e BNG opuxéronse á iniciativa do PP de deseñar un Plan Poscovid con medidas concretas para reactivar o tecido socioeconómico da provincia. Este foi o resultado da súa votación a unha proposta que, tal e como explicou o voceiro do PP, Javier Castiñeira, consistía en que o organismo provincial destinase oito millóns de euros dos remanentes a este Plan. Destes, a metade serían para axudas directas ao tecido produtivo e o resto para a contratación de obra pública.

DERROGACIÓN DA LEI MONTORO

O BNG tamén sacou adiante, cos votos do PSdeG, unha moción sobre a elaboración dun plan galego de reactivación económica por parte da Xunta de Galiza e a derrogación da Lei de estabilidade e sostenibilidade financeira, coñecida como Lei Montoro, a fin de desbloquear os recursos públicos “para desenvolver políticas que contribúan a paliar os efectos da crise da Covid-19”. A moción tamén demanda á Xunta un plan de reactivación económica.

REFORZOS NA SANIDADE PÚBLICA

Na sesión ordinaria do mes de maio tamén saíu adiante unha moción do Partido Socialista a través da cal se lle solicita á Xunta de Galicia reforzos en materia de Sanidade para minimizar os efectos da pandemia do coronavirus Covid-19 no caso dunha nova onda na comunidade. A proposta saíu adiante cos votos do PSdG e o BNG e en contra do PP. En concreto, pídese que a Xunta deseñe un plan especial para atender a pacientes con Covid-19, pautas especiais para a atención en UCIs e na Atención Primaria, e un reforzo urxente no cadro de persoal que presta servizo no Sergas.

Ademais no Pleno deste martes tomou posesión, tamén vía telemática, o concelleiro barreirense José Manuel Gómez Puente como Deputado do Grupo Provincial do Partido Popular tras o cese de Elena Candia.

O BNG DA MARIÑA CARGA CONTRA XUNTA E GOBERNO

O BNG da Mariña acusou de “inacción” ao “PSOE no Goberno de Estado e do PP no Executivo da Xunta diante deste problema que se nos vén enriba e que se leva arrastrando desde tempo atrás”, manifestou a responsable comarcal, Ana Ermida.

Ermida lembrou “promesas incumpridas” das Administracións como o estatuto das electrointensivas ou a tarifa eléctrica galega, e censurou a “nula preocupación” da Xunta “negándose a reclamar a Alcoa que manteña a reparación de cubas”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here