Casado afirma que Feijóo “non pode facer máis” pola planta de Alcoa

O líder do PP, que se incorporou á campaña en Cospeito e Mondoñedo este luns, insta ao presidente do Goberno a "coller o touro polos cornos" tralo ERE presentado pola multinacional

Casado, en Mondoñedo. AXM

O presidente do Partido Popular (PP), Pablo Casado, mostrouse “moi preocupado” pola crise que atravesa a planta de aluminio de Alcoa San Cibrao, en Cervo, onde a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) con 534 despedimentos na planta e outros 400 en empresas auxiliares, e retou ao presidente do Goberno, o socialista Pedro Sánchez, a acudir a Lugo con “solucións de futuro” para os obreiros afectados.

Así se manifestou Casado este luns, tras realizar unha visita a unha explotación láctea na parroquia de Sisoi, no municipio lucense de Cospeito. Alí estivo en compañía da presidenta provincial do PP e cabeza de lista nas eleccións galegas do 12 de xullo, Elena Candia, do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e do conselleiro do Medio Rural do Goberno da Xunta, José González. O líder da formación conservadora visitou tamén Mondoñedo.

CARGA CONTRA SÁNCHEZ: “VÉN A GALICIA E NON FALA DE GALICIA”

Neste contexto, o líder nacional dos populares confesou que lle “ofendeu” que durante a fin de semana Sánchez visitase Ourense durante un mítin de campaña “e non falou nada de Galicia”. En concreto, Casado afeoulle ao presidente do Executivo estatal “que non se referise nin a Alcoa, nin á central térmica das Pontes (A Coruña), nin a Ence en Pontevedra, nin a PSA en Vigo“, nin a todas as infraestruturas costeiras “que en tantos pobos preocupan” pola tramitación da nova lei de cambio climático“. “Entón para que vén? Para insultar a Feijóo? Para insultarme a min? A verdade é que o que preocupa é que está tan crispado, está enfadado”, asegurou.

Casado lembrou seguidamente as súas reunións co comité de empresa, en decembro no seu despacho e en marzo na propia planta de Cervo.

INSISTE EN QUE O PROBLEMA DE SAN CIBRAO “É ENERXÉTICO”

Nun contexto no que os traballadores de Alcoa piden aos Gobernos central e autonómico unha resposta conxunta ao ERE presentado pola multinacional, o líder do PP argumentou que o presidente da Xunta e candidato á reelección o 12-X, Alberto Núñez Feijóo, chamouno antes dos comicios xerais do 10 de novembro para pedirlle que o partido “metese no programa un estatuto das industrias electrointensivas“. E é que, insistiu, o da planta de aluminio de San Cibrao “non é só un problema industrial, que tamén, é de competitividade enerxética“, un asunto que é competencia “do Estado”.

Por iso, pediu a Sánchez “que non se oculte nos burladoiros”, senón que “colla o touro polos cornos” e ofreza “unha solución”. Ademais, Casado referiuse á fábrica de Nissan en Barcelona, cuxo peche se debe tamén a que o presidente do Executivo estatal “non fixo nada”. No lado oposto ha situado a xestión do seu partido cando gobernaba, que -afirmou- “fixo os deberes” non só con Nissan en Ávila, senón tamén con Ence e coas Pontes.

O PP PIDE DE NOVO A POXA DE INTERROMPIBILIDADE

Así mesmo, reafirmou que se o estatuto electrointensivo estivo presente no programa electoral do PP para o 10-N, agora mantense na “liña de actuación” do partido. “Pensamos que si é posible competir en custos enerxéticos. O que hai que facer é falar das conexións interpirenaicas, ver que tipo de xeración eléctrica é rendible, compasar todo o tema ambiental cos prazos que non sexa tan lesivo para a industria e para o emprego… En definitiva, todo o que están a facer os países da Unión Europea“, suxeriu.

A iso engadiu que España é un país “líder en renovables” -un logro que atribuíu ao seu partido- e que isto debe poder ser “compatible” coa planta térmica das Pontes, que “ten xa a tecnoloxía” para poder seguir operando, e con que Alcoa “teña unha poxa de interrompibilidade e uns custos enerxéticos asumibles para seguir producindo”. Unha subasta que, segundo o Goberno central, suporía unha sanción millonaria de Europa.

FEIJÓO, AUSENTE PARA PREPARAR O DEBATE

“Esta é a petición que eu fago ao Partido Socialista, na liña ademais que o que propuxo o candidato á Xunta polo PP”, agregou, a pesar da ausencia do propio Feijóo, quen aparcou a súa axenda de campaña para preparar a súa participación no debate deste luns na Televisión de Galicia co resto de candidatos do 12 J. Non en balde, Casado asegurou que o presidente galego “máis non puido facer“: “Lévolle escoitando falar de Alcoa aquí, en Santiago, en Madrid, en Bruxelas, e en Estados Unidos cos multinacional anos, ou polo menos meses. E agora tócalle a quenda a Pedro Sánchez”, concluíu.

1 COMMENT

  1. O cacique privatizador da sanidade, censor da CRTVG, da’ contratos a sua irma’, 11 abos sem pedir 1 transferencia desde Madrid, triplicou a debeda galega…

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here