InicioPolíticaA Mariña no debate: Alcoa protagoniza o bloque de economía e cóase...

A Mariña no debate: Alcoa protagoniza o bloque de economía e cóase no de políticas sociais

A situación de aluminio estivo moi presente na cita electoral e motivou constantes alusións entre os candidatos; o rebrote de coronavirus foi outro dos temas abordados

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña Lucense estivo moi presente no debate electoral. Asituación da planta de aluminio de Alcoa, onde a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía máis de 900 despedimentos entre traballadores da factoría e auxiliares, protagonizou boa parte do debate para as eleccións galegas celebrado este luns. O conflito laboral atraeu unha boa cantidade de intervencións no bloque de economía e mesmo seguiu a resoar na seguinte quenda, de políticas sociais.

Os primeiros que puxeron o seu grao de area para visibilizar a situación da planta en plena campaña electoral foron os traballadores, que protestaron á entrada dos candidatos no recinto da TVG.

O Xornal da Mariña repasa as intervencións referidas á problemáticas da comarca no debate que mantiveron Ricardo Morado (Vox), Beatriz Pino (Ciudadanos), Pancho Casal (Marea Galeguista), Antón Gómez-Reino (Galicia En Común-Anova-Mareas), Ana Pontón (BNG), Gonzalo Caballero (PSdeG-PSOE) e Alberto Núñez Feijóo (PP).

INTERVENCIÓN DE APERTURA

Morado. No minuto do que dispuxeron os candidatos para unha intervención de apertura, unha única mención e moi velada, a do candidato de ultradereita. Nomeou unha vila da Mariña para argumentar a proposta centralista de Vox, partido que defende “o mesmo aquí que en Murcia, en Tui e en Burela”.

SITUACIÓN SANITARIA. GALICIA E A COVID-19

Pontón. Acusou de “improvisación” a Feijóo sobre o rebrote da Mariña Lucense, segundo o Sergas a día de hoxe con 28 positivos detectados, utilizando un recorte de prensa para censurar que a Xunta se limite a facer “recomendacións” ao respecto e criticar a ausencia dun “protocolo. Onde está? Tivo catro meses para elaboralo”, espetou.

POLÍTICAS ECONÓMICAS, INDUSTRIAIS, ORZAMENTARIAS E FISCAIS XERAIS

Feijóo. Apuntou ao Goberno central criticando as promesas realizadas por Pedro Sánchez sobre o estatuto das electrointensivas e a actitude combativa na oposición de Yolanda Díaz, agora ministra de Traballo, con respecto ao peche das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. Citou a Díaz criticando aos socialistas: “agora estades no Goberno e mirades cara outro lado, responsabilizades á Xunta”. Non se referiu en ningún momento ás súas decisións á fronte da Xunta de Galicia con respecto ao conflito laboral, limitándose a afirmar que nos seus once anos en San Caetano “non pechou”. “Non estou disposto a que un tridente a peche”, afirmou.

LAPSUS DE PONTÓN E CABALLERO

Caballero. Pontón e Caballero tiveron lapsus con Alcoa. A candidata do Bloque interpelou ao líder socialista asegurando que San Cibrao “supón o 30% do PIB de Galicia”, ao que este respondeu que “non supón o 30% do PIB de Galicia, senón da Mariña Lucense oriental”. Estímase que supón un terzo do Produto Interior Bruto da provincia.

Nunha segunda quenda, noutro bloque, esixiu á Xunta “que dilate” o ERE presentado por Alcoa, para que se poida levar a cabo “o plan” esbozado polo Goberno na mesa multilateral polo futuro da planta, un proxecto ben visto polos sindicatos, que con todo reclaman ao Executivo central que o presente por escrito, ou, entenden, non suporá unha solución.

Pontón. Sen mencionar nunha primeira intervención a Alcoa, comprometeu unha “tarifa eléctrica galega” para que se beneficien tanto os veciños como as “empresas. Ese é o futuro, o que defende o PP é o pasado”, zanxou.

Baseou outra intervención practicamente en exclusiva na situación da planta de aluminio. “Non podemos permitir que se peche Alcoa, porque un país sen industria é un país sen futuro”, afirmou. Afeoulle a Caballero e Feijóo que non se referisen ata daquela ao conflito laboral. Comprometeu desde a Xunta “unha proposta” para a “participación pública” a fin de intervir a empresa.

A ESQUERDA COMPROMETE A INTERVENCIÓN

Gómez-Reino. Comezou este bloque amosando o seu apoio aos traballadores de Alcoa, que se manifestaban á entrada da TVG á chegada dos candidatos. Comprometeu que se Goberna haberá “unha intervención pública” da empresa, e que aplicará o artigo 30 do Estatuto de Autonomía que lle dá á Xunta de Galicia “as plenas competencias en materia industrial. Necesitamos un Goberno autonómico que non teña medo de intervir e participar na economía”, concluíu.

Casal. “Falo moito cos traballadores de Alcoa e non saben moi ben que o que vostede fixo”, espetoulle a Feijóo, a quen instou a “deixar de poñerse de perfil”. Tamén se amosou crítico con Gómez-Reino e Caballero apuntando ao bipartito no Estado de PSOE e Podemos, preguntando “onde está o estatuto das electrointensivas. O Goberno do Estado e da Xunta teñen que intervir de urxencia”, afirmou, porque senón “moitos traballadores perderán o seu emprego. Díganlle á ministra Maroto que deixe de vender a moto”, afirmou, en alusión a un dos lemas habituais das protestas dos traballadores.

Morado. Sobre as afirmacións de Gómez-Reino no tocante a Alcoa, o candidato da ultradereita afirmou que os obreiros “non están nada contentos” coa actitude da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que ía “coa pancarta” nas protestas polo peche das plantas de Alcoa da Coruña e Avilés.

POLÍTICAS SOCIAIS E DE BENESTAR, EDUCACIÓN E SANITARIAS

Pino. A maioría das referencias á Mariña Lucense neste bloque están recollidas no apartado anterior, pois foron referidas a Alcoa. Apenas Pino, sen mencionar o tren de ancho métrico da Mariña, citou as carencias “no ferrocarril” como un dos factores que privan dunha vida “á altura da das grandes cidades” á poboación da “Galicia baleirada”.

MODELO INSTITUCIONAL, PACTOS, GOBERNABILIDADE E ENCAIXE DE GALICIA NO ESTADO

Neste bloque non houbo referencias á bisbarra, así como tampouco no minuto final.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...