Feijóo asina en Foz a aprobación do PXOM “de todos”

O Plan Xeral de Ordenación Municipal solventa unha carencia do concello, rexido por normas subsidiarias desde o 1981

Castiñeira, Feijóo e Mato, durante o acto. AXM

Foz celebrou este martes a aprobación do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) cun acto de sinatura ao que asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O PXOM de Foz -que se converte no concello número 96 en aprobar o documento dos 313 que hai en Galicia– vén a solventar unha carencia do municipio, rexido por normas subsidarias desde o 1981.

O alcalde, o popular Javier Castiñeira, lembrou neste senso que “hai dez anos tivemos problemas co urbanismo” e asegurou que o plan é “sinónimo de ordenación, de modernidade, de seguridade xurídica e de potencial económico”. Por iso, calificou a xornada de “día histórico para Foz”.

MÁXIMO DE 4.841 VIVENDAS

O documento fixa unha capacidade residencial de 4.841 vivendas. Establece a vila -á que une Marzán– como núcleo urbán principal, sendo Cangas, Fazouro, Nois, Forxán e Vilaronte os secundarios. O documento, ao que se presentaron unhas 600 alegacións, busca garantir a supervivencia das poboacións do rural a partir de favorecer políticas de rehabilitación, mellora dos espazos públicos e desenvolvemento sustentable. Tamén amplía a extensión do parque empresarial de Fazouro.

UNIDADE DA CORPORACIÓN

O rexedor subliñou o esforzo detrás do documento, “con xente que leva 18 anos traballando por isto” e destacou a unidade mostrada polas forzas políticas dunha corporación diversa. “Tres (PP, PSOE, Foz Plataforma de Futuro) de catro grupos votaron a favor e os catro -incluíndo ao BNG, que votou en contra- presentaron propostas. Once de trece edís apoiaron este proxecto”, espuxo.

pp, psoe, e fpf votaron a favor do documento e só o bng se pronunciou en contra

Nese senso, Castiñeira tivo agradecementos para o falecido Xoán Carlos Basanta, ex edil dos nacionalistas, “que traballou moito para isto”, a concelleira dos socialistas Ángeles Veiga -ausente por enfermidade-, “a cara deste plan”, e o aparellador municipal Rafael Marful.

IMPLICACIÓN VECIÑAL

O alcalde tamén resaltou a implicación do tecido asociativo. “Os veciños estiveron en multitude de reunións que tivemos e participaron, dirixididos polos criterios dos técnicos municipais, como corresponde nestes casos”, indicou. Así, argumentou o rexedor, “este non é o plan que faríamos cada un en solitario pero si é o PXOM de todos”.

“CRECEMENTO CONTROLADO”

Feijóo, pola súa banda, asegurou que “se este plan se fixera décadas atrás, a vila de Foz sería distinta. Agora blindamos o crecemento controlado“, sinalou, “e temos a certeza de que calquera licenza concedida polo Concello é axustada a dereito”. 

Tamén asistiron ao acto, entre outros, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, e membros de tres dos catro grupos da corporación -faltou o BNG-, ademais do presidente dos colectivos de comerciantes local e mariñao, José Carlos Paleo.

O PSOE REIVINDICA A RIVERA

Os socialistas lembraron que “este proxecto comezou no 2006” e revindicaron o traballo do anterior alcalde, José María García Rivera, así como da concelleira Veiga. O edil Chema Linares mostrouse satisfeito porque “o PXOM é a constitución dun pobo”, pero lamentouse de que “pasasen dous anos e sete meses desde a aprobación provisional ata hoxe, o que permitiu que se construísen edificios en altura en Marzán que hoxe non serían posibles”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here