IniciosociedadeCaballero súmase ás voces que piden aprazar as eleccións na Mariña e...

Caballero súmase ás voces que piden aprazar as eleccións na Mariña e insta a Feijóo a buscar “un consenso”

A Deputación de Lugo reclama por carta ao presidente da Xunta que suspenda os comicios pois "o temor" ao brote pode "coartar a vontade de participar"

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O secretario xeral do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, solicitou este xoves suspender as eleccións autonómicas -convocadas para este domingo- na zona da Mariña, afectada por un brote de covid-19 con 165 infectados.

Caballero trasladou esta petición ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao comezo da reunión que esta tarde en Lugo cos alcaldes socialistas desta provincia, na que estiveron presentes mediante videoconferencia os rexedores dos municipios illados como consecuencia do brote de coronavirus.

Logo de varios días sen decidirse a realizar este requerimento expreso, o líder socialista galego demandou esta medida ao presidente do Goberno galego, a quen instou unha vez máis a comparecer ante a Deputación Permanente do Parlamento autonómico e a reunirse cos partidos para acordar unha decisión “consensuada“.

O motivo, explicou Caballero, é que o brote da Mariña está rexistrando un “nivel crecente de contaxios” que, ao seu xuízo, complica o desenvolvemento dos comicios este domingo coas suficientes garantías de saúde para a poboación e ata dificulta a configuración das mesas dos colexios electorais.

CUESTIONA OS DATOS SOBRE O FOCO

“Hoxe na Mariña hai máis contaxiados pola Covid-19 que o número que había en toda Galicia o 13 de marzo cando se decretou a urxencia sanitaria“, advertiu o secretario xeral dos socialistas galegos, que esixiu a Núñez Feijóo que “diga a verdade” e expoña os datos actualizados deste foco.

“Temos que tomar todas as precaucións”, insistiu Caballero, tamén molesto con que a Xunta derive nos Concellos “as competencias de cuestións sanitarias no ámbito dunha pandemia como esta”, máis se cabe ao facelo en municipios de pequeno tamaño que nin sequera teñen unha Policía Local “que poida dar resposta ás necesidades dunha pandemia desta gravidade”.

Para o candidato do PSdeG, o titular da Xunta “debe abandonar o seu illamento en Monte Pío -residencia oficial do presidente- e poñerse a falar cos alcaldes da Mariña” para trazar unha solución conxunta a este problema, que na súa opinión pasa inevitablemente por suspender as eleccións deste domingo nesa comarca.

TOMÉ: “O 12-X PODE SER UN ESCENARIO CERTAMENTE PERIGOSO”

Por outra banda, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, trasladou ao titular da Xunta a través dunha carta a súa petición de adiar os comicios ante a “fonda preocupación” pola situación creada no distrito sanitario da Marina lucense “diante do aumento paulatino e considerable dos casos positivos de coronavirus e das persoas en situación de corentena”.

O presidente do goberno provincial fala do “risco dun escenario certamente perigoso polos posibles contaxios que se poidan producir unha vez que o venres, ás 00.00 horas, se levante o confinamento e os veciños dos 14 concellos afectados poidan circular libremente e facer calquera tipo de actividade, como pode ser a participación o domingo nas eleccións autonómicas, posibilitando múltiples contactos persoais”.

Esta situación de “temor“, expón Tomé, “pode coartar a vontade de participar nun proceso democrático, que debe ser unha expresión do que pensan o conxunto dos cidadáns sen ser condicionados por ningunha circunstancia. Polo tanto, o resultado deste proceso electoral podería ver alterado os seus resultados”, argumenta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...