O BNG inicia en Mondoñedo unha campaña para solicitar unha tarifa eléctrica galega

Os nacionalistas critican o "espolio" da suba do recibo da luz malia ser Galicia unha comunidade produtora de enerxía

Presentación da campaña. AXM

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reivindicou este venres en Mondoñedo “unha tarifa eléctrica galega” que solucione “o espolio da suba do recibo da luz en Galicia“.

Nunha visita á Mariña, a deputada nacionalista Olalla Rodil resaltou que “estamos a pagar un 31% máis que hai oito anos” e que entre 2017 e o presente ano o importe do recibo subiu “un 8,6%”.

O BLOQUE AFIRMA QUE “ESTAMOS A PAGAR UN 31% MÁIS CA NO 2010”

SUPLEMENTO TERRITORIAL

Rodil criticou que Galicia, “que é produtora de enerxía e que nutre a outras partes do Estado, vaia pagar o 34% do total do suplemento territorial da tarifa eléctrica que quere instaurar o Goberno central”. A deputada nacionalista aféalle ao Executivo que Madrid, comunidade que é “deficitaria” neste aspecto, “só vaia pagar o 2,1%”.

Rodil sinalou que “é necesaria unha tarifa eléctrica propia para Galicia, que atenda aos verdadeiros custos de produción, cunha factura máis barata en beneficio de consumidores e empresas”.

Ademais, a formación frontista propón unha baixada do IVE da factura eléctrica, a garantía de subministro para toda a poboación e a creación dunha empresa pública galega que integre os encoros que remataron o período de concesión.

A FORMACIÓN FRONTISTA RECOLLERÁ SINATURAS na bisbarra E LEVARÁ MOCIÓNS AOS PLENOS

CAMPAÑA NA MARIÑA

A coordinadora do partido nacionalista na Mariña, Ana Ermida, anunciou que o BNG desenvolverá nos vindeiros meses unha campaña na comarca para acadar este propósito, con charlas informativas, recollida de sinaturas en lugares públicos e mocións nos plenos municipais.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here