O PP tamén se suma á proposta de BNG e PSdeG para defender o topónimo “Ría de Ribadeo”

José Tomé: "Os galegos defendemos o que é noso e, neste caso, o que foi sempre foi a ría de Ribadeo". A iniciativa saíu por unanimidade no pleno provincial.

Ría de Ribadeo. AXM

A Deputación de Lugo presentará alegacións en apoio ao mantemento do nome oficial de “Ría de Ribadeo” no procedemento aberto polo Goberno do Estado para admitir o nome de “Ría do Eo”.

Así se recolle na proposta que o goberno provincial levou ao pleno deste martes e que foi, finalmente, apoiada polo PPdeG. A corporación aprobou por unanimidade a proposta en defensa do topónimo Ría de Ribadeo, que presentaron conxuntamente BNG e PSdeG.

A deputada Mónica Freire agradeceu o acordo arredor dos puntos da moción, que recolle o compromiso da Deputación de Lugo a presentar alegacións ao procedemento aberto polo goberno do Estado para introducir “Ría del Eo” na toponomia oficial e insta á Xunta de Galiza a seguir os pasos da institución provincial.

O presidente da deputación, José Tomé (PSOE), lembrou que esta era unha “proposta de goberno, neste caso que lle corresponde defender o BNG” e que o executivo provincial non está “en contra de que os asturianos queiran falar do Eo”. “Pero os galegos defendemos o que é noso e, neste caso, o que foi sempre foi a ría de Ribadeo. Aquí non hai ningunha dúbida“, incidiu o tamén alcalde de Monforte.

Pola súa banda, o portavoz do PP, Javier Castiñeira, escudouse en que o seu grupo “vai defender o que defendeu no seu día a Xunta de Galicia,que é a defensa da toponimia que hai”. “Non hai moito debate. Hai un criterio que é que o nome da ría colle o nome da poboación máis importante, desde sempre. O máis importante das rías é que unen e non que nos debiliten”, concluíu finalmente o deputado popular.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here