Pontón denuncia na Mariña a “obsesión da Xunta” por privatizar os servizos públicos

Nun acto en Burela, anuncia que o BNG levará ao Parlamento iniciativas para defender o sistema público, ao entender que "é necesario un reforzo extraordinario con 200 millóns para atención primaria".

Ana Pontón coa Plataforma de Defensa da Sanidade Pública da mariña en Burela /BNG.

portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou este mércores en Burela que “todo o sistema de atención primaria na Mariña está a sufrir 12 anos de recortes do PP”. Díxoo ante o centro de saúde burelense, pero advertindo de que poderían estar ante o de Foz, o de Viveiro ou o de Ribadeo, pois todos eles, segundo a líder nacionalista, sofren a “deterioración” da atención primaria froito dunha “política que non nace coa covid”, senón que “vén de atrás”.

Así, Pontón afirmou que “a grande obsesión do PP é reducir, privatizar e minorizar servizos públicos para beneficiar á sanidade privada e isto estano pagando os veciños á conta da súa saúde”, posto que “cada día é máis difícil acceder aos servizos da atención primaria”.

“Utilizando a covid como escusa, o PP cernou a base do sistema, que é a inmediatez, poder ter unha proximidade médico-paciente, e hoxe hai listas de espera ata para atención telefónica e acceder a unha cita presencial en moitas ocasións é unha carreira de obstáculos”, criticou.

En Burela, segundo a portavoz da formación frontista, “hai problemas graves no sistema sanitario, suprimiuse a quenda de tarde, pecháronse as axendas sen avisar e non teñen matrona“.

O centro de saúde de Foz “ten problemas de pediatría e tampouco conta co servizo de matrona“, mentres que en Viveiro e Ribadeo “non se están cubrindo nin as baixas nin as vacacións e estase levando a atención primaria ao colapso”, asegurou.

Neste sentido, reprochou a Feijóo que “no canto de dedicar máis recursos puxo en marcha unha política que puxo contra as cordas o sistema sanitario”. “Coa covid temos profesionais exhaustos que chegan ao límite”, incidiu.

EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO

Fronte a isto, o BNG levará ao Parlamento iniciativas para defender o sistema público, ao entender que “é necesario un reforzo extraordinario con 200 millóns para atención primaria“.

“Hai que acabar coa precariedade no sistema público, iso require que se convoquen todas as prazas vacantes; fai falta máis persoal pero tamén abrir a carteira de servizos a outras especialidades como fisioterapia e saúde mental”, reclamou.

Ademais, avogou por “recuperar a área sanitaria da Mariña”, xa que a súa perda “está a supor menos servizos no hospital”. Por exemplo, segundo indicou, para facer unha mamografía faise nesta comarca, “pero se se necesitan máis probas diagnósticas as mulleres teñen que desprazarse a Lugo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here