InicioPolíticaReaccións Alcoa: a empresa di que a sentenza "non altera a situación...

Reaccións Alcoa: a empresa di que a sentenza “non altera a situación de inviabilidade” da planta

Maroto urxe a Alcoa "que chegue a un acordo" para a venda e Gonzalo Caballero pide a creación dunha fronte común para alcanzala. O Concello de Cervo felicita o persoal da fábrica e apela a manter "certa prudencia".

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa afirma que a sentenza do Tribunal Supremo que ratifica a anulación do expediente de regulación de emprego (ERE) para máis de 500 traballadores “non altera a situación de inviabilidade da planta de aluminio” de San Cibrao.

A multinacional estadounidense apunta que “acepta” o fallo e que se atopa á espera do texto completo. Pero engade que o despedimento colectivo se propuxo “pola situación insustentable da planta de aluminio”, que xerou perdas que calcula en “aproximadamente 160 millóns de euros” no últimos tres anos (2018-2020) “pola falta dun marco enerxético competitivo en España”.

Este problema persiste e agravouse significativamente nos últimos meses, cunha previsión de prezo de enerxía no cuarto trimestre de 2021 para a planta de aluminio por encima dos 170 ?/MWh, o que confirma aínda máis a inviabilidade da planta nas circunstancias actuais”, subliña.

CONCELLO DE CERVO

Pola súa banda, desde Concello de Cervo amosan a súa “satisfacción” pola confirmación do Tribunal Supremo da sentenza do TSXG. Segundo declara o alcalde, Alfonso Villares, “isto significa que máis de 500 veciños e empregados da factoría conservarán o seu posto de traballo”. E engade: “Esta boa nova supón un pequeno alivio para todos os traballadores e as súas familias, que levan sufrindo todo este tempo desde que se iniciou o proceso de despedimento”.

O  rexedor, a través dun comunicado, felicita o persoal da fábrica e apela tamén a manter “certa prudencia”, “posto que se teñen que dar unha serie de pasos máis para alcanzar unha solución definitiva que consiga garantir a continuidade ao 100%”, rematou.

MINISTERIO DE INDUSTRIA

A ministra de Industria, Reyes Maroto, insta a Alcoa a “que chegue a un acordo canto antes” para a venda da planta de San Cibrao. O fallo do Tribunal Supremo, coñecido este xoves, ratifica a prohibición a Alcoa para apagar as cubas de electrolisis e executar un despedimento colectivo que afectaría a 524 traballadores. Ante iso, a ministra mostrou a súa “satisfacción” e valorou o fallo como “un éxito sen precedentes tanto dos traballadores de Alcoa como da Xunta e o Goberno central”.

Velamos polo mantemento das capacidades produtivas da planta. Agora toca mover ficha a Alcoa. Nós seguimos coa man tendida á empresa para colaborar na procura de posibles investidores”, afirmou.

XUNTA

Pola súa banda, a Xunta, a través do seu vicepresidente económico, Francisco Conde, celebra a “boa noticia” para os traballadores “e para o mantemento da actividade industrial na zona”. Respecto diso, apuntou que espera que “con esta resolución, dunha vez por todas, tanto o Goberno como a empresa senten para alcanzar unha solución”.

“A Xunta estivo na solución na tramitación do ERE e seguirá estando no proceso de venda; necesitamos que canto antes se produzan estes avances porque os traballadores precisan estabilidade”, incidiu. Neste sentido, reclamou que, “canto antes, se poida producir esa venda, se é necesario mesmo coa propia intervención da SEPI”.

PSDEG

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, avogou por establecer unha “gran fronte común” no que participe en Goberno central, a Xunta, as administracións locais, todos os partidos políticos e os sindicatos para conseguir que Alcoa venda as súas instalacións de San Cibrao, en Cervo, e permita a entrada dun investidor.

“Hai que facer unha gran fronte común para que, a través da intervención da SEPI e todos os organismos públicos, consigamos que entre un novo investidor e se manteña esa planta que é tan importante”, sinalou en declaracións aos medios este xoves.

Tras coñecer que o Tribunal Supremo declarou nulo o ERE de Alcoa San Cibrao, Gonzalo Caballero sinalou que os tribunais conclúen que “hai mala fe por parte da empresa” ou, polo menos, “irregularidade”. Por iso, considerou necesario que “Alcoa ceda á hora de manter o emplo, á hora de permitir novos investidores para dar viabilidade a unha planta tan necesaria para toda a Mariña”.

Así mesmo, subliñou que os socialistas galegos teñen un “claro compromiso” para que a planta de San Cibrao manteña a súa viabilidade e futuro para “manter o emprego na Mariña”. “Do mesmo xeito que impulsamos e apoiamos a presentación de medidas pola vía xudicial que agora permiten que existan esta sentenza, cremos que agora hai que seguir facendo unha gran presión entre todas as institucións para conseguir investidores”, apuntou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...