A nula vontade de investimentos do Estado nos orzamentos levou ao BNG a absterse, di Néstor Rego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou nun acto público na Mariña para trasladar as propostas que o BNG presentou aos Orzamentos do Estado para 2022 co obxectivo de "garantir o desenvolvemento económico, laboral e social da comarca".


O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou nun acto público na Mariña para trasladar as propostas que o BNG presentou aos Orzamentos do Estado para 2022 co obxectivo de “garantir o desenvolvemento económico, laboral e social da comarca”.

Entre elas, tal e como explicou a formación nacionalista nun comunicado, a emenda sobre a intervención pública de Alcoa por parte da SEPI, “que permitiría establecer un proxecto industrial solvente”, así como os investimentos en infraestruturas ferroviarias e nas comunicacións por estrada “para mellorar así a comunicación da Mariña co resto da Galicia e do Estado”.

No acto celebrado na Casa da Cultura de San Cibrao interviñeron ademais a responsable comarcal de Galiza Nova, Pilar Vázquez, e o portavoz municipal do BNG en Cervo, Diego Fernández.

Rego destacou o investimento territorializado prevista nos Orzamentos para 2022, nos que Galicia “parte dunha posición mellor, ao rexistrarse un incremento do mesmo respecto do previsto no ano anterior”.

O deputado nacionalista ve na “posición de firmeza” exercida polo BNG en Madrid respecto das contas o motivo do aumento aínda que, ao seu xuízo, “non chega para compensar o déficit histórico en materia de infraestruturas e a baixada do anterior exercicio”.

“Por iso o BNG fixo máis de 300 propostas de investimentos necesarios para a recuperación e o avance social e económico do noso país, que pon o foco nas actuacións imprescindibles para Galicia“, explicou, e que van desde reclamar a modernización na nosa rede ferroviaria interna, ata o desenvolvemento de plans de futuro para o sector naval e para a transición xusta nas comarcas afectadas polo peche das térmicas, entre outras.

As emendas do BNG para a comarca da Mariña buscaban aumentar, remarcan, o investimento en materia de infraestruturas. Presentaron emendas para conectar e vertebrar o territorio a través da futura A-74, coa construción dunha ligazón co polígono industrial de Barreiros, así como o inicio da autovía nos tramos Barreiros-San Cibrao, entre outras.

Ademais, lembrou a emenda para a redacción do proxecto de adaptación do dique norte de Morás para a súa futura dedicación a usos comerciais, así como a construción do acceso central ao porto de Ribadeo; ou a modernización da liña de FEVE entre Ferrol e Ribadeo.

“A nula vontade do Goberno de incorporar ningunha das propostas para incrementar o investimento na Galicia levou á abstención crítica da formación nacionalista na votación dos Orzamentos”, aseverou.

CRISE INDUSTRIAL

Néstor Rego tamén abordou a crise industrial na que está “inmersa” Galicia. ” Vulcano, Barreiras, Aluibérica, As Pontes, Siemens Gamesa, Vestas e Alcoa. Todas elas en risco de cesar a súa actividade e a perda de miles de postos de traballo”, lamentou o deputado nacionalista.

“Xa dixemos que o BNG votaría a favor dos Orzamentos se o Goberno aceptara a intervención pública de Alcoa” recalcou Rego. “Lamentablemente, o PSOE non estivo disposto a dar ese paso, dando as costas aos miles de persoas que levan anos loitando por unha solución de futuro e que o pasado día 17 saíron masivamente á rúa nunha folga xeral para reclamar a actuación dos gobernos galego e español que resolvan a crise social, económica e industrial desta comarca”.

“Tamén o PP terá que dar explicacións”, apuntou Rego, que afeou que o presidente da Xunta pedise a intervención pública pero que, “no momento de votar en Madrid”, puxésese “en contra dos intereses dos galegos e votase en contra da adquisición de Alcoa pola SEPI”, censurou o deputado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here