O alcalde urxe a que se axilicen os informes sobre a nova Edar de Burela

O rexedor burelés reuniuse cos técnicos de Augas de Galicia que elaboran o anteproxecto da obra, pendente das autorizacións de Medio Ambiente, Portos e Costas

Alfredo Llano na reunión con persoal técnico de Augas de Galicia

Os técnicos de Augas de Galicia estiveron en Burela para definir o proxecto de construción da nova Edar, que se ubicará nun terreo duns 3.500 metros cadrados fronte ao club náutico.

O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro con persoal do organismo autonómico, encargado de establecer os parámetros aos que deberá axustarse a estación depuradora, no que se “analizaron os avances que se están dando na elaboración do anteproxecto”.

INFORMES PENDENTES

O alcalde precisou que o anteproxecto está pendente de recibir o informe de Medio Ambiente e máis as autorizacions de Portos de Galicia, titular dos terreos, e de Costas de Galicia, que tamén debe informar sobre a nova construción.

Llano explicou que o vindeiro paso do concello será reunirse cos responsables destes dous organismos para avanzar na tramitación dos permisos necesarios. O encontro podería celebrarse “nas dúas vindeiras semanas” en Santiago de Compostela.

O REXEDOR agarda reunirse con responsables de Portos e Costas para avanzar na tramitación dos permisos

“Unha vez que teñamos esas autorizacións, os técnicos procurarán ter o anteproxecto rematado para licitar a obra o antes posible”, sinalou Llano, sen estimar prazos.

A NOVA DEPURADORA, “MOI NECESARIA”

O rexedor insistiu en que a construción da Edar é “importantísima” e “moi necesaria” para Burela. Segundo explicou, as novas instalacións incorporarán un método de tratamento biolóxico, adaptado á normativa europea, “máis efectivo” e que precisa “menos mantemento”

Ademais, engadiu, contará con “instalacións complementarias para un tratamento efectivo da auga que evite inundacións como as que está habendo”.

Sobre as características e a da nova planta, na que se investirán nove millóns de euros, comentou que se baralla a proposta de que as instalacións queden completamente cubertas, “como un edificio”.

1 COMMENT

  1. Son os mesmos técnicos que fixeron o informe do río Xunqueira? Aquel que estaba limpo de todo e por mor das choivas levou por diante a vida de unha persoa?

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here