A vicepresidenta primeira do Parlamento e líder provincial do PP de Lugo, Elena Candia, asumirá o reto de ser a candidata popular á Alcaldía de Lugo. A xunta directiva local lucense, segundo informa a formación, apoiou “por unanimidade” a proposta realizada polo presidente local, Ramón Carballo, designando como ‘alcaldable’ ás próximas eleccións municipais á presidenta provincial dos populares de Lugo. Fíxoo en presenza do líder do partido e presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Deste xeito, a exalcaldesa de Mondoñedo, e aínda tenente de alcalde nesta localidade, tentará asaltar a capital provincial e, de aí, a Deputación provincial, da que xa foi presidenta durante uns meses.