IniciosociedadeNela de Bres: "Eu toco o que fun escoitando a uns e...

Nela de Bres: “Eu toco o que fun escoitando a uns e a outros”

O gaiteiro prepara a festa do seu 80 aniversario, que reunirá decenas de músicos e estudosos do folclore nos Teixois, en Taramundi

Publicada o

- Advertisement -

O Festival do Peregrino do albergue de Vegadeo. A Xornada de Vendima de Negueira de Muñiz. O encontro de maiores en Porcía. A festa de verán dos Teixois. A axenda do gaiteiro Nela de Bres segue repleta no final do verán, cando fai as últimas chamadas para convidar aos amigos a unha multitudinaria festa de cumpreanos. O 16 de setembro cumprirá os oitenta anos, “rodeado de músicos”, como vive.

Nela achégase a Taramundi para falarnos de máis de trinta anos tocando a gaita, e case toda a vida escoitándoa con devoción. “Cando tiña dez ou doce anos – vivía eu daquela en Silvallana–  había un gaiteiro en Bres que subía para arriba tocando a gaita  cunhas ovellas e unhas cabras de pastora. Aquela música quedoume na cabeza. De neno escoitas unha cousa e non se che olvida, e sen embargo do que fas hoxe igual mañá xa non te acordas”.

“PALLAS DE PAN”

El trataba de sacar unhas notas parecidas de “pallas de pan”. “Era a gaita que tiña naquela época”, ri.  A súa primeira gaita foi un regalo dunha veciña que sabía da súa afección. Era do seu fillo, que emigrara uns anos antes a América. “Deuma, e algo toquei, pero non había quen cha prepara tampouco, era todo unha miseria. Aínda  me acordo que facía as palletas coa cana da escoba. Aos dezasete anos tirei con todo”

Nela de Bres comprou a súa primeira gaita con 47 anos, nunha feira na Garganta

O gaiteiro en cernes desistiu para dedicarse primeiro ao campo e, máis tarde, tras quedar viúvo, á canteira e á lousa. “Foime moito mellor con iso que coas vacas, con nenos pequenos, nun sitio que non era tampouco moi bo. E desta maneira, cheguei con algún cartiño á casa, e dalí a un ano e pico, tiña para a gaita”.

 

Vintecatro mil pesetas lle custou a primeira que mercou, aos 47 anos, nunha feira na Garganta. “Eu cartos non levaba pero a gaita vendeuma e pagueilla pola semana, e foi cando empecei. Levo 33 anos tocando seguido”.

UN DISCO GRAVADO

Cunha gaita en condicións, e unha gravadora que levaba de festa en festa para rexistrar as pezas que máis lle gustaban e logo aprender a tocalas, foi ampliando o seu repertorio como músico. “Todo de oído. Eu toco do que fun escoitando a uns e a outros porque as partituras non sei lelas”.

Iso non lle impide subir aos escenarios con músicos novos. E cita expresamente a Antón Expósito, de Lourenzá. “Neto de Modesto, que toca con nosoutros desde os doce anos”. Nin cos de maior renome internacional como os irmáns Tejedor cos que ten actuado en moitas ocasións.

A Editorial Canela publicou no 2012 o libro disco Manuel Enríquez Fernández, Nela de Bres

Todos aprenderon algo del e doutros gaiteiros que foron fonte indispensable para o estudo da música tradicional da montaña lucense e asturiana.  En 2012,  a Editorial Canela publicou o libro disco Manuel Enríquez Fernández, Nela de Bres, na que o taramundés interpreta varias pezas con gaiteiros e músicos da outra beira do Eo – Modesto Arias, de Murias dos Baos, Otilio Fernández, de Burela; Constante Fernández, de Vilar de Calvos,  Desiderio Sampayo, do Mazo de Acebo e César Fernández, de Queixoiro-.

PATRIMONIO MUSICAL

Unha das seis pezas rexistradas é o Pasodoble de Santos, que tantas veces escoitara na infancia. “Tocábaa ese gaiteiro de Bres, non lla escoiten a mais nadie. Cando comprei a primeira gaita na Garganta, e me puxen a tocar, saíume como se acabara de oila. Mira o que é ser neno!”

Era parte dun patrimonio en risco de desaparición que recuperou e perpetuou aínda que, di,  “hai moitas pezas de antes que se perderon. Había unhas mulleres que tocaban e cantaban na igrexa unhas cancións…pero eu era neno, sabía moito menos ca agora, e non se chegou a tempo”.

Pero séguenos falando das pezas favoritas do seu repertorio de interpretacións como a Muiñeira de Ancadeira, que lles escoitou “a un dos Lázaros de Ancadeira” en Santa Eulalia de Oscos “hai maís de cincuenta anos” ou do Valse de Taramundi de Seivane.

“GAITA GALEGA”

Do obradoiro da familia de gaiteiros da Ribeira de Piquín saíron as dúas gaitas que leva agora con el. Feitas en 2007 e 2008 como figura no punteiro, que nos amosa para que apreciemos o detalle. “Tamén tiven unha gaita asturiana,  pero vaime máis a galega.  Se a tes máis suave, soa menos, pero dá a nota moi ben”, observa.

As mans que fan a gaita non son cousa menor. “Cando comprei as de Seivane, pensei: bueno, agora os fallos que sexan do gaiteiro”, ri coa mesma vitalidade que iniciou a conversa. Non parece un home a piques de cumprir os oitenta anos. É a música a que o mantén así? Por suposto non é unha pregunta orixinal. “Xa mo preguntaron máis veces, e sempre digo o mesmo. A min, mal non me fixo”.

Deixámolo para que faga esas últimas chamadas aos convidados. A cita é o vindeiro 15 de setembro, véspera do seu aniversario, nos Teixois. “Comemos e despois tocamos toda a tarde”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...