Ribadeo retirará o vindeiro mércores o título de alcalde honorífico concedido a Franco tras a Guerra Civil

Dende o Concello, gobernado polo BNG, consideran que este nomeamento representa "unha exaltación á figura do ditador que é preciso que sexa retirada".

Concello de Ribadeo. AXM

O Concello de Ribadeo retirará o título de alcalde honorífico concedido a Francisco Franco tras a finalización da Guerra Civil en 1939 no pleno que terá lugar o vindeiro mércores.

En concreto, a proposta que levará a Alcaldía do municipio, gobernado polo BNG, á sesión plenaria explica que os técnicos do Concello comprobaron que unha acta municipal do 6 de xullo de 1938 recolle o recoñecemento como Alcalde honorífico a Francisco Franco e sinala que este nomeamento representa “unha exaltación á figura do ditador que é preciso que sexa retirada”.

Deste xeito, remarca a “obrigación moral e legal” do Concello de “eliminar todo rastro da ditadura franquista” na simboloxía das rúas e os edificios e “este tipo de nomeamentos”. “Ribadeo non merece ter a un ditador como alcalde honorario”, declara o texto.

Por iso, propón á corporación municipal a adopción dun acordo para revogar e deixar sen efecto o acordo plenario do ano 1939 e a retirada do recoñecemento a Franco “por ser incompatible coas leis democráticas vixentes” e “como símbolo de xustiza e de reparación”.

A proposta sairá previsiblemente adiante dada a maioría do BNG na corporación municipal, onde conta con sete dos 13 concelleiros. Mentres, o Grupo Municipal do PP suma catro edís e o socialista contabiliza dous.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here