Lara Fernández: ” é un dereito para as persoas con diversidade funcional que os políticos traballen para eles”

Lara Fernández, ademais de concelleira de Cultura de Viveiro, é actriz de formación e cos seus coñecementos entrou a traballar en ASPANANE Viveiro. O seu obxectivo foi que as persoas con diversidade funcional puideran demostrar capacidades que o resto da sociedade non vían posible realizar. Así naceu Superarte, unha feira de teatro e contacontos onde o protagonismo recae en persoas con esa diversidade funcional para demostrar as súas posibilidades de moverse en sociedade como o resto da cidadanía


-Como nace “Superarte” e que motivos había detrás para crear esta mostra artística?

Á parte de concelleira formeime en arte dramática e agora son profesora de teatro en ASPANANE de Viveiro. Vendo o seu traballo vin que moitas veces non tiñan oportunidade de demostrar todas as súas capacidades ao público. Daquela xurdiu unha idea grazas á posibilidade que tiña de traballar desde unha institución para crear un festival inclusivo. Nesa mostra as persoas con diversidade funcional puideran mostrar as súas capacidades para seren artistas. Xa que teñen obrigas dentro da sociedade, pois tamén teñen dereito a mostrar todo o seu potencial. A primeira edición naceu como unha mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional. Logo de abrir esa porta comezaron a abrirse outras portas debido aos diferentes tipos de diversidade funcional. Así dedicamos un ano concreto a un tipo de diversidade. O primeiro ano protagonizárono as persoas invidentes, o segundo ano ás persoas con xordeira e este ano 2021 ás persoas con espectro autista.

-Lembras as reaccións do público ante as capacidades artísticas das persoas con diversidade funcional?

Viveiro é unha vila que acolle moi ben as iniciativas culturais, por iso a idea nace de unir superación e arte. A arte é unha grande comunicadora porque transmite información dunha maneira moi sinxela. Ir ver unha obra de teatro é unha actividade lúdica ademais de ter unha grande mensaxe. As obras de teatro poden facer que cambiemos a nosa visión do mundo e fomentar o espírito crítico en nós. Entón, como esta mostra tiña a súa parte de acto lúdico, en Viveiro a xente é grande consumidora de teatro. A primeira actuación que programaramos foi unha obra feita por persoas cegas co resultado de que o público non cría que fosen persoas invidentes, que eran actores e actrices facendo de xente cega. Tamén tivemos obras onde actuaban persoas xordas, e moitas veces ante o que é diferente xera espectación. Había persoas que preguntaban como poderían comunicarse co público se non falan nin oen. Ao final a obra funcionou perfectamente. Isto tradúcese en que ao descoñecido poñémoslle barreiras mais logo a xente sente que a incapacidade está dentro da persoa que o ve non de quen o fai.

A primeira edición naceu como unha mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional

-Estas accións axudan a abrir portas a xente con diversidade funcional dentro de mundos como o familiar, o social e o laboral?

O máis importante é darlles voz. Son eles quen teñen que dicir se estas accións xeran cambios na súa vida cotiá. Durante anos estiveron silenciados, falaban a través de asociacións, dos familiares ou institucións. Son eles quen deben dicir se nós, desde as institucións o estamos facendo ben, se a sociedade e os centros educativos o están facendo ben. Toda a nosa forza vai en dirección en que sexan eles quen contacten co público e logo digan se imos polo bo camiño. Considero que cando pos un tema sobre a mesa xa estás botando a semente de algo. Porque cando non se fala das cousas, non se ven, por iso o valente é falalo. Se non se falan ao mellor non imos por bo camiño e non é esa a acción que as persoas necesitan. Simplemente o que necesitan é seren escoitados e que digan o que lles faría vivir nunha sociedade máis inclusiva.

-Como puidestes entón, convencer ao Concello de que “Superarte” era positivo para Viveiro e que daría resultados?

Nunha primeira edición non buscabamos un resultado final, queriamos abrir portas. Ademais, a alcaldesa, María Loureiro, é unha persoa sensible a este tipo de cambio social. A partir de Superarte naceron máis proxectos como Viveiro Inclúe e a alcaldesa dixo que si, por iso é moi importante que desde as institucións e as persoas que están nelas aposten por este tipo de accións sociais. Creo que é un deber das institucións e é un dereito para as persoas con diversidade funcional que os políticos traballen para eles.

A primeira actuación que programaramos foi unha obra feita por persoas cegas co resultado de que o público non cría que fosen persoas invidentes

-Cales son os obstáculos que axudou a derrubar Superarte?

O descoñecemento. As persoas con diversidade funcional vivían como segregadas, por unha parte as persoas sen diversidade funcional e eles vivían fóra da nosa sociedade. Logo deuse un paso máis, asociáronse e así eramos “nós” e “eles”, logo integramos, “nós” e “eles” participando mais sempre xuntos. Agora buscamos esa sociedade equitativa. O descoñecemento fai que moitas veces pensemos que necesitan ser tratados coma nós aínda que ao mellor precisan algo máis. Iso foi o que acadamos, que a xente non teña medo á diversidade funcional e abrir os corazóns e coñecer o descoñecido e ver que non é algo estraño e raro. Eles son plenamente capaces dentro das súas particularidades.

-Cres que a xente acudía aos primeiros espectáculos con medo?

Máis ben diría expectativa. Moitas veces a visión do público é “pobriños”. Tamén está o prexuízo de miralos dun xeito especial e eles non queren iso, só que os miren como quen vai ver unha obra de teatro. Debemos quitarlle a venda á xente de “pobriños”. Queriamos demostrar que son iguais mais con diferentes maneiras de expresarse.

O descoñecemento fai que moitas veces pensemos que necesitan ser tratados coma nós aínda que ao mellor precisan algo máis

-Cal foi para ti o maior éxito de Superarte?

Pois chegar á terceira edición, que a xente fale de Superarte, que os centros educativos colaboren e os comerciantes e hostaleiros acudisen para facer de Viveiro un lugar máis inclusivo. O tecido asociativo en Viveiro se interese en Superarte e colabore. O mellor é ter esas mochilas vibratorias que nos axudan a ter unha cultura máis inclusiva para a comunidade xorda, unha iniciativa que saiu da man de Superarte e recibiu o apoio da Fundación La Caixa. Isto grazas a coñecermos as necesidades da comunidade xorda a través de Superarte.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here