A Deputación achegará ata 2021 2,35 millóns aos sete GES da provincia

Renova por tres exercicios o convenio para financiar aos 84 profesionais deste servizo

Membros do GES de Cervo, nunha xornada de prevención. AXM

O executivo provincial aprobou este mércores na Xunta de Goberno o convenio de colaboración para o desenvolvemento e financiación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

A Deputación de Lugo achegará ata o 2021 2.352.000 euros cos que financiará os sete GES da provincia, ubicados en Becerreá (Ancares-Lugo-Sarria), Cervo (Mariña occidental e central), Baleira, Monterroso (A Ulloa, Lugo e Chantada), A Pontenova (Mariña central e oriental), Folgoso do Courel e Quiroga (terras de Lemos) e A Terra Chá, con sede por determinar.

Cada un deles conta con doce profesionais. A partida inclúe os custos de persoal dos 84 traballadores que conforman estes grupos, así como os gastos correntes para garantir o seu funcionamento.

O orzamento total deste servizo ascende aos 3.472.000 euros, dos que a Deputación achega o 40%, a Xunta de Galicia o 52,5% e os Concellos o 7,5% restante.

Os GES complementan a atención das emerxencias e extinción de incendios forestais, xunto cos parques de bombeiros municipais e os parques de bombeiros comarcais, de forma que cobren zonas desprovistas de servizos de emerxencia, cun ámbito de actuación superior ao municipal. Do mesmo xeito, ditos grupos participan en labores de prevención de incendios.

FINANCIAMENTO

A Deputación de Lugo foi a primeira en asumir os custos municipais dos Ges. No 2016, asinou convenios de colaboración cos concellos lucenses para asumir un 20% do financiamento que correspondía aos gobernos locais.

Segundo indica o goberno provincial, a Deputación achegou un total de 900.000 euros para cumprir este obxectivo nos anos 2016, 2017 e 2018.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here