Viveiro dá un mes para pedir axudas aos interesados en rehabilitar vivendas do casco histórico

Os beneficiarios poderán recibir ata un 40% das actuacións e un máximo do 75% para o realoxo de familias

Vivendas no casco histórico viveirense. AXM

O Concello de Viveiro abre desde este xoves un período de un mes para solicitar as axudas destinadas á rexeración de vivendas situadas na Área de Rehabilitación Integral (Ari) do casco histórico, segundo informou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Lugo.

A concesión das subvencións será en rexime de concorrencia, en consonancia cos criterios de selección estipulados na convocatoria: mellora das condicións de habitabilidade das vivendas e edificios, mellora da imaxe urbana, nivel de protección do inmoble ou orzamento por actuación, en función da capacidade da mesma para xerar emprego.

A cantidade máxima a percibir polas axudas será do 40% por actuación, agás nos casos de realoxamento de familias e de equipamento técnico das oficinas, nos que as subvencións poden alcanzar o 75% se os ingresos da unidade de convivencia son inferiores a tres veces o Indicador Público de Renta de Efectos Públicos (Iprem).

EXCLUÍDOS

Segundo a convocatoria, non poderán obter financiamento aqueles beneficiados incluídos no programa de mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, do programa de Fomento da conservación, da mellora da seguridade e de utilización e de accesibilidade en vivendas, do programa de fomento do parque de vivenda en alugueiro e doprograma de fomento de vivendas para persoas maiores e persoas con discapacidade.

OBRIGAS

Os beneficiarios terán as obrigas de realizar a totalidade das actuacións para as que se concedeu a axuda; destinar a vivenda a domicilio habitual por un prazo non inferior a cinco anos; comunicar ao órgano instrutor as modificacións das condicións que podan afectar ao dereito á axuda; e someterse a comprobacións e inspeccións da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro e do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

ORZAMENTO

O Ministerio de Fomento achegará ao proxecto un total de 71.333 euros, polos 19.891 que investirá a Xunta de Galicia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here