Concello e BNG de Viveiro denuncian a “degradación” do centro de saúde, sen tres médicos e un pediatra

Os nacionalistas falan do peche "de tres consultas de enfermería" e o goberno local requerirá formalmente á Xunta que cubra as ausencias de persoal

Cartel que indica a ausencia dunha das médicas do centro. BNG VIVEIRO

O Concello de Viveiro e mailo BNG local denunciaron este venres o “abandono” e “degradación” do centro de saúde, no que faltan tres médicos de familia e un pediatra ao non cubrir o Servizo Galego de Saúde (Sergas) as baixas ou vacacións do persoal.

O grupo municipal do BNG denunciara o xoves a ausencia de tres médicos dos sete que cubren a quenda de mañá.

Segundo apuntan os nacionalistas, na xornada do venres a situación empeorou. O BNG viveirense asegurou nun comunicado que se atopan tamén pechadas “tres consultas de enfermería e a da traballadora social”.

TRES CITAS AO TEMPO

O BNG viveirense explica que “a solución que achega a Xerencia de Lugo é forzar citas a maiores na axenda, o que fai habitual citar a tres pacientes ao mesmo tempo“.

Isto provoca, segundo os nacionalistas, “frustración no persoal e unha atención que non é axeitada, ao non dedicar aos doentes o tempo necesario”.

As consultas de enfermería e traballo social, pechadas. BNG VIVEIRO

“A ausencia de profesionais sen substituír converteuse no habitual, e a precariedade na contratación é a norma xeral”, denuncian desde o partido frontista, unha situación que cualifican de “absoluta vergoña”.

SEN UN DOS DOUS PEDIATRAS

Pola súa banda, a alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, afirma que constatou cos profesionais do centro de saúde que tamén está ausente “un dos dous pediatras que hai no ambulatorio”.

SEGUNDO EXPÓN A ALCALDESA, O ÚNICO PEDIATRA QUE QUEDA MARCHARÁ DE VACACIÓNS E A INTENCIÓN DO SERGAS É CUBRILO “DOUS DÍAS”

A situación pode agravarse nos vindeiros días, dado que o profesional que está a asumir a carga das consultas de pediatría collerá as vacacións de Nadal. Segundo expón Loureiro, no centro de saúde afirman que a intención do Sergas é cubrir a praza do pediatra “un par de días e non de xeito completo, como debera ser”.

OUROL E O VICEDO, AFECTADOS

A falta dun pediatra no centro de saúde de Viveiro non só afecta aos 16.000 habitantes do municipio viveirense que, segundo indica a rexedora, “pode duplicar poboación no Nadal polos turistas e polo regreso das persoas naturais do municipio”.

O servizo de pediatría é compartido cos concellos de Ourol e O Vicedo. “Hai nenos que están a esperar catro ou cinco horas para ser atendidos”, expón Loureiro.

“hAI NENOS QUE ESTÁN A AGARDAR CATRO OU CINCO HORAS PARA SER ATENDIDOS”, ASEGURAN

REQUERIMENTO

O Concello informou que “no vindeiro día laborable” presentará “un requerimento formal” á Xunta de Galicia para que substitúa ao persoal vacante.

“A saúde é o máis importante que temos e isto non pode seguir así porque calquera día pode pasar algo“, advirte a alcaldesa.

O BNG de Viveiro insta tamén ao Sergas a cubrir as baixas e vacacións do persoal e afirman que “non se pode prestar unha atención sanitaria de calidade sen suplir todas as ausencias”.

SATURACIÓN EN ATENCIÓN PRIMARIA

Ao longo do venres, o Xornal da Mariña consultou ao Sergas sobre a situación do ambulatorio e sobre as medidas a tomar por parte da Xunta de Galicia para paliar estas carencias, sen obter unha resposta concreta.

As reclamacións á Xunta de Galicia pola saturación na Atención Primaria seguen a sucederse pola xeografía galega, tamén na Mariña Lucense.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here