A Xunta acaba tras 22 anos os traballos de campo da parcelaria Val de Alfoz, con 1.500 afectados

Resta o proceso administrativo para entregar os títulos de propiedade, no que o Goberno galego espera "avanzar neste ano"

Balseiro, cos técnicos e Jorge Val, rexedor de Alfoz, e Xabier Pardiñas, tenente de alcalde. AXM

A Xunta de Galicia rematou as últimas obras dos traballos de campo na área de reestruturación parcelaria do Val de Alfoz, logo de 22 anos desde o inicio do proxecto, que involucrou a máis de 1.500 propietarios.

A Consellería de Medio Rural rematou actuacións nas canles e outras obras correspondentes á segunda fase da rede de camiños secundarios.

Segundo avanzou o Goberno galego, ao longo deste ano avanzarase nos trámites administrativos conducentes á entrega dos títulos de propiedade.

A Xunta lembra que o procedemento require “a necesaria revisión integral do expediente e a comprobación dos datos identificativos dos interesados, requisitos indispensables para proceder á inscrición no rexistro da propiedade”.

o procedemento afectou ás parroquias de adelán, carballido, castro de ouro, lagoa, mor e reirado

DE 7.746 A 2.701 PARCELAS

Na parcelaria do Val de Alfoz, que incluíu as parroquias de Adelán, Carballido, Castro de Ouro, Lagoa, Mor e Reirado, as 7.746 parcelas iniciais quedaron reducidas a 2.701, pero a superficie media de cada unha delas medra en igual medida, dos 1.970 aos 5.371 metros cadrados.

a superficie media dos terreos pasou dos 1.970 metros cadrados a 5.371

Nesta zona traballouse sobre unha extensión de 1.523 hectáreas, na que se construíron ou melloraron 68,3 quilómetros de camiños.

Do resto da superficie, 1.180 hectáreas estarán dedicadas a usos agrícolas e 311 a usos forestais. O redimensionamento das fincas, expón o Executivo autonómico, favorece a introdución de maquinaria e doutros usos en áreas nas que anteriormente non eran rendibles.

o executivo galego asegura que “preto do 95% da superficie agraria do municipio” está concentrada

PEREIRO-AS OIRAS

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que no último ano tamén se remataron os traballos de campo da parcelaria de Pereiro-As Oiras.

En conxunto, as dúas parcelarias supuxeron un investimento de sete millóns de euros, e como resultado “preto do 95% da superficie agraria do municipio de Alfoz está concentrada. Ambas actuacións suman 1.872 hectáreas e involucran a máis de 2.100 propietarios”, asegurou Balseiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here