A Xunta compromete co BNG a mellora da vía Landrove-Ferreira sen ofrecer datas

Os nacionalistas instan ao Goberno galego a rematar "cos puntos negros" da estrada, que comunica Viveiro coa Mariña central

Estrada Landrove-Ferreira. GOOGLE MAPS

A Xunta de Galicia comprometeuse a incluír a mellora da LU-161, que conecta Landrove con Ferreira do Valadouro, dentro do Plan de Reforzos de Firme que está a desenvolver a Axencia Galega de Infraestruturas.

Así o indicou o Goberno galego nunha carta de resposta ao BNG de Viveiro, que o pasado ano presentou unha moción no Parlamento de Galicia para esixir ao Executivo autonómico o acondicionamento da estrada.

Os nacionalistas alertaban do “estado lamentable” do vial, que supón “unha das principais vías de conexión dos viveirenses coa Mariña central”.

“NUMEROSOS ACCIDENTES”

O grupo municipal do BNG explica que os problemas na estrada non se limitan “a graves deficiencias no seu firme e trazado, que a fan moi perigosa, senón que tamén conta cunha escasa anchura, con curvas perigosas, cunetas en mal estado e sen beiravías. Os veciños son testemuñas dos numerosos accidentes que se veñen producindo”, resaltan.

A última actuación da Xunta, explican os nacionalistas, “foi no 2016, en época electoral, desde o punto quilométrico 0 ata o 2,7”.

EN REDACCIÓN

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recoñece no escrito que “a partir do quilómetro 2,7, á altura de Chavín, o firme vese afectado pola climatoloxía“, e comprométese a incluír o proxecto no mencionado plan, “que está a ser redactado e será entregado segundo a data de remate contractual establecida”.

O BNG viveirense lamenta que o Executivo “non concrete data algunha” e reclama “a erradicación dos puntos negros” na estrada, “máis alá de parcheos prometidos a golpe de denuncias e eleccións”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here