O persoal municipal de Burela urxe ao goberno a negociar a RPT: “algúns non chegamos ao salario mínimo”

Os traballadores acusan ao executivo local de dobre moral "ao manifestarse contra o desmantelamento da sanidade mentres non cubre xubilacións no consistorio"

Concentración dos traballadores municipais de Burela. AXM

O comité de empresa e delegado de persoal dos traballadores municipais de Burela emitiron un comunicado no que instan ao goberno local a retomar a elaboración da Relación de Postos de Traballo (RPT), que demandan “desde hai oito anos” e que reclamaron ao longo deste mes con protestas diante do consistorio.

Os empregados municipais reiteran a necesidade da RPT para asegurar “a recualificación laboral e económica do emprego” e “que se evite o deterioro da calidade dos servizos básicos que se deu nos últimos anos”.

Os traballadores do Concello de Burela acusan ao goberno local de manter unha dobre moral. “Vemos aos integrantes do executivo en primeiras filas nas protestas polos postos de emprego en Alcoa, mentres que boa parte do cadro de persoal cobra pouco máis que o que determina o novo salario mínimo interprofesional, nalgúns casos nin iso”, argumentan.

Tamén aluden á presenza de alcalde e concelleiros “nas protestas contra o desmantelamento do Hospital da Costa, mentres se está a desmantelar o Concello ao non cubrir xubilacións en obras, xardinería, policía ou administrativos”.

“SEN EXCUSAS”

Os empregados sosteñen que “cada vez é máis difícil cubrir a carga de traballo de maneira efectiva para os cidadáns” e urxen ao goberno local “a negociar e deixar de marcar prazos para máis adiante, buscando excusas para que as eleccións estean máis cerca”.

SEN CONVERSAS ATA FEBREIRO

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, asegurou que “na última mesa de negociación adoptouse o compromiso de retomar as conversas para a RPT, da que xa hai un documento base, no mes de febreiro”.

Namentres, os traballadores municipais seguirán a concentrarse. A vindeira protesta será o martes 29. Tamén teñen previsto acudir ao vindeiro pleno municipal

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here