Cervo inicia as obras da rúa coa que agarda aliviar o tráfico pesado en San Cibrao

O Concello resalta que a vía, ubicada entre Galdín e A Veiga e que conta cun orzamento de 660.000 euros, ofrecerá unha nova posibilidade de entrada e saída á vila

Inicio das obras de acondicionamento da rúa que unirá as zonas de Galdín e A Veiga. AXM

O Concello de Cervo iniciou as obras de acondicionamento da rúa ubicada entre a Avenida Bellavista e a Avenida da Veiga, que conectará a zona de Galdín -onde se ubica o colexio Península da Paz– co centro de saúde de San Cibrao e que aspira a aliviar a vila do tráfico pesado.

A actuación conta cun orzamento de 659.977 euros, froito dun convenio asinado coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa Ovisa Pavimentos y Obras S. L. resultou a adxudicataria do concurso.

A nova rúa terá unha lonxitude de 350 metros e unha anchura de doce, que favorecerá o dobre sentido da circulación.

No proxecto inclúense aparcadoiros e beirarrúas en ámbolos dous lados da calzada e tamén se construirá unha nova ponte sobre a vía do tren.

Ademais construiranse dúas glorietas nos lugares de maior acceso de peóns, a zona de Galdín e o centro de saúde. Finalmente, dotarase de nova iluminación e de servizos de saneamento e recollida de pluviais.

Para o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, trátase dunha actuación “importantísima para esta vila, pola creación dunha nova arteria que será unha alternativa de entrada e saída a San Cibrao, que aliviará e desconxestionará o tráfico do centro do pobo”.

TRAZADO PARA EVITAR PENDENTES

O rexedor cervense lembra que o trazado inicial foi modificado para evitar pendentes e “ofrecer así tamén unha saída funcional e provisional do Polígono de Cuíña aos vehículos pesados, mentras a Deputación non executa a avenida de acceso que ten comprometida”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here