O Sergas presume de reducir as agardas e a plataforma fala de 18 meses polo resultado dunha proba cardíaca

A Xunta cifra as esperas medias "en 44 días por operación e 39 por consulta", mentres o colectivo afirma que unha muller non recibiu tests realizados "en agosto do 2017"

Hospital Público da Mariña. AXM

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) espuxo este xoves os resultados do Hospital Público da Mariña no tocante á actividade e demora durante o exercicio 2018.

O Sergas afirma que durante o ano pasado rexistrou “unha espera media de 44 días para intervencións cirúrxicas, a máis baixa dos últimos anos e inferior en 19 días ao promedio de 2012”.

A Consellería de Sanidade subliña tamén que “a maioría dos pacientes” do hospital “son operados nun prazo de tempo que oscila entre os 0 e 3 meses”, e que “non só se reduciu a espera media para intervencións, senón tamén o número de pacientes en listaxe de agarda cirúrxica”.

OPERACIÓNS

Segundo o Sergas, nos quirófanos do Hospital da Mariña realizáronse o ano pasado 5.437 intervencións cirúrxicas, das que 4.555 estaban programadas e 882 foron realizadas de urxencia.

o sergas resalta que os pacientes máis graves tiveron un promedio de agarda por intervención “de once días”

Das 5.437 operacións completadas, o 54,8% 2.981 foron intervencións ambulatorias, sen precisar ingreso do paciente. Isto foi posible, argumenta o Sergas, “grazas á mellora dos medios técnicos e diagnósticos e dos avances cirúrxicos acadados nos últimos anos”.

No tocante á agarda media cirúrxica para os pacientes máis graves, os de prioridade 1, o promedio sitouse a finais do 2018 “en once días, 19 menos do obxectivo xeral do Sergas”.

O hospital tamén cumpre, segundo o Sergas, o promedio para os pacientes de prioridade 2. A agarda media cirúrxica era a finais de decembro de 26,9 días, “moi inferior ao obxectivo de atendelos en menos de 60 días”.

CONSULTAS

No que atinxe ás consultas de especialidades, o Sergas fala dunha agarda media de 39 días para unha primeira cita. O promedio de espera en pediatría sitúase en doce días, en oncoloxía en nove e en nefroloxía en dez.

a xunta sitúa a espera media para consultas en pediatría en doce días, e en nove en oncoloxía

PROBAS

Para probas diagnósticas e tratamentos, a espera media situouse no centro hospitalario mariñao en 46 días. Segundo o Sergas, o tempo medio de espera para a realización dunha proba de radioloxía convencional é no Hospital da Mariña “de 17 días; 19,8 para un TAC e 23 días para unha mamografía”.

INGRESOS

Finalmente, o Hospital da Mariña contabilizou un total de 5.562 ingresos, o que, segundo o Sergas, significa que “de cada 1.000 habitantes da comarca, 83 tiveron que ser ingresados nalgún momento”.

ANO E MEDIO PARA SABER A SÚA DOENZA

Este mesmo xoves, a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña alertou do caso dunha muller que agarda polos resultados “dun estudo Holter feito en agosto de 2017 e por ecocardiograma de setembro” dese mesmo ano.  

A través do colectivo, a paciente rexistrou unha reclamación a 3 de outubro do 2018, “sen que fose citada a día de hoxe”.

A paciente. AXM

Cunha diagnose de miocardiopatía dilatada, a doente comezou a padecer problemas relacionados cunha medicación que lle mandaron tomar e que lle provocou moratóns en varias partes do corpo, ademais de náuseas.

a doente padece náuseas e moratóns en varias partes do corpo e requeriu de tratamento psicolóxico, di a plataforma

A plataforma tamén sinala que requeriu de tratamento psicolóxico pola anguria que lle provocan os síntomas da doenza.

Así, o colectivo insta ao Sergas a “contratar o persoal sanitario necesario” para acabar “con listaxes de agarda escandalosamente altas, da orde de un ano e medio para unhas probas diagnósticas”. 

A plataforma esixe “unha sanidade enfocada ao servizo dos pacientes e ás súas necesidades e non seguindo motivos economicistas“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here