As parellas sás e tóxicas, a debate no inicio do programa Catuxa

Alumnado da Eso do IES de Alfoz-Valadouro analizou unha exposición fotográfica na apertura do plan que impulsa a mancomunidade para educar en igualdade

Primeira actividade do programa Catuxa, en Alfoz. AXM

O programa Catuxa, que impulsa a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense e que ten como obxectivo sensibilizar aos adolescentes mariñaos para educar en igualdade e previr a violencia de xénero, botou a andar este martes en Alfoz.

O alumnado de terceiro e cuarto da Eso do IES Alfoz-Valadouro participou na primeira actividade do plan, que organiza o equipo da empresa Retnova Proxectiva Consulting.

A iniciativa que puxo o programa en marcha consistiu nunha dinámica participativa coa que se analizou a exposición ‘A violencia de xénero… Dille non!‘, ubicada nas dependencias municipais.

Esta exposición, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, é unha mostra gráfica dirixida á mocidade para que esta recoñeza identifique e rexeite as condutas sexistas nocivas nas súas relacións.

PARTICIPACIÓN

O estudantado revisou a mostra da man dunha experta en igualdade e violencia de xénero, Noelia Rodríguez. A técnica convidou ao alumnado a ollar toda a exposición con calma, coa consigna de que ao rematar cada persoa elixise unha palabra dunha listaxe que lles suxerise algunha lámina da exposición.

Ao entrar na sala de actividades, fóronse poñendo en común láminas e palabras, chegando así a desenmarañar o que implica unha relación de parella sá e unha tóxica, a liberdade e as gaiolas invisibles que atrapan ás mulleres.

Así, segundo expón a empresa, traballáronse os contidos a partir das experiencias coñecidas pola rapazada.

COLABORACIÓN CO CONCELLO

Segundo expón a mancomunidade, un dos elementos identificadores de Catuxa é o seu carácter participativo e de implicación de todas as entidades do territorio, ademais dos centros educativos. De aí que a actividade programada para sexa o resultado dunha estratexia de coordinación co Concello de Alfoz.

O colectivo de municipios mariñao expón que o programa continuará en febreiro, con máis actividades.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here