O Sergas suple a pediatra de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros tras 15 días de presión social

Segundo informou o alcalde barreirense, un especialista cubrirá durante a semana que vén á profesional, que se reincorporará en breve

Xuntanza polo pediatra en Lourenzá. AXM

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) restituíu o servizo de pediatría que comparten Barreiros, Mondoñedo e Lourenzá, e que provocou unha mobilización social logo de que non se cubrise a ausencia da especialista que atende aos pícaros dos tres municipios.

O rexedor de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, explicou que un profesional atende ás crianzas desde o pasado xoves e “continuará presentando o servizo durante a semana que vén; despois, esperamos que se incorpore a pediatra que estaba no centro”.

O feito de que o Sergas non cubrise durante quince días á pediatra de baixa desatou protestas de veciños, partidos e asociacións, que criticaron que os nenos fosen atendidos por médicos de familia e non por especialistas “a non ser en casos de extrema gravidade”, ademais de denunciar “retrasos nas vacinas”.

CRÍTICAS DE VECIÑOS, PARTIDOS E COLECTIVOS

A situación mereceu a reprobación do goberno local de Lourenzá, que convocou unha xuntanza cos veciños, e tamén do propio Fuente Parga, así como do BNG e o PSOE -que presentaron iniciativas no Parlamento galego– e da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, que iniciou unha recollida de sinaturas e rexistrou mocións en varios municipios, Foz o último deles, para esixir melloras na atención primaria.

O alcalde de Barreiros respalda o argumento esgrimido polo Sergas, que se escudou na ausencia de profesionais para xustificar a non cobertura da praza, e sinala que “a pesar dos poucos facultativos que hai, conseguiron cubrir ese servizo”.

Fuente Parga criticou a actitude da oposición barreirense e defendeu á Xunta de Galicia. “O servizo de pediatría púxose en marcha no centro médico de Barreiros no 2011, gobernando o PP, e non entre o 2005 e o 2009, cando estaba o bipartito no Executivo autonómico”.

A plataforma sanitaria da Mariña, pola súa banda, felicitou a través das redes sociais “a todas as nenas e nenos que teñen pediatra, ás nais e pais que se organizaron para reclamar un dereito. Foi esa presión veciñal a que conseguiu que as crianzas sexan atendidas por unha especialista cando enferman”, concluíu.

MOCIÓN EN FOZ

A moción presentada pola plataforma sanitaria no pleno de Foz para reclamar unha atención primaria de calidade saíu adiante sen o respaldo do PP, que se abstivo.

Explicación da moción da plataforma no pleno de Foz. AXM

CONFLITO NOS PAC

Por outra banda, a xunta de persoal do Hospital Público da Mariña mostrou “o seu apoio” aos traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) “na defensa das súas lexítimas reclamacións”.

a xunta de persoal do hospital da mariña apoia “as lexítimas reclamacións” dos empregados dos pac

A xunta de persoal reclama ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que se sente para negociar “propostas efectivas” que resolvan un conflito laboral “que ameaza con prolongarse no tempo”.

Paro no PAC de Ribadeo. AXM

O Sergas fai oídos xordos aos problemas dos traballadores, coa repercusión negativa que as carencias nestes centros teñen sobre a saúde dos usuarios”, indica.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here