O retraso no PIA da residencia de Ribadeo: a Xunta fala de “caso único” e o alcalde di que “cheira”

Política Social non dá prazos para a concesión da autorización e o alcalde ribadense afirma que "todo o mundo está mirando" a actitude da consellería

Sinatura do convenio da residencia entre Deputación e Concello de Ribadeo. AXM

O retraso na tramitación do Permiso de Inicio de Actividade (PIA) da residencia de Ribadeo enfrontou este martes ao Concello ribadense e á Xunta de Galicia, administración encargada de conceder a autorización.

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, denuncia que o goberno local leva “máis de mes e medio” de agarda polo permiso e pregúntase se o Executivo autonómico “está outra vez a poñer paus nas rodas”.

O rexedor resalta que a Xunta recibiu “toda a documentación, con todos os acordos, administrativamente de maneira impecable”, e critica que o Goberno galego está a “vulnerar totalmente os prazos que a lei establece para que se emitan informes”.

“CASO ÚNICO”

Fontes da consellería de Política Social xustifican o retraso en que “a residencia de Ribadeo é un caso único, pois por primeira vez en Galicia se solicita que a titularidade sexa compartida entre dúas administracións, a Deputación de Lugo e o Concello”.

a consellería asegura que “é a primeira vez en galicia que se pide unha titularidade compartida entre administracións”

Así, as mesmas fontes precisan que “houbo que pedir informe á asesoría xurídica da Xunta, o que motivou que os prazos sexan algo superiores ao que é habitual”. A consellería non se pronuncia á pregunta sobre cando prevé conceder a autorización.

“DÁ PARA PENSAR MAL”

Ao alcalde ribadense non o satisfacen estas explicacións. “Segundo a lei, hai que evacuar os informes no prazo de dez días, polo tanto este informe que a Xunta está esperando dos seus servizos xurídicos deberá estar feito cinco veces”, lamenta.

Suárez Barcia asegura que “tampouco é tanta novidade o método de xestión que nosoutros queremos aplicar, baseado na cooperación que a propia lei 27/2013, impulsada polo goberno de Rajoy no seu momento, busca para que as Deputacións poidan, dunha maneira activa, impulsar todas aquelas accións entre concellos de menos de 20.000 habitantes, como é o caso”.

o rexedor subliña que os “informes deben evacuarse en dez días” e que o “método de xestión non é tanta novidade”

Suárez Barcia afirma que o retraso “cheira” e dá para que a corporación municipal de Ribadeo “pense mal. Parece que están coa enciclopedia británica. Todo o mundo está mirando no municipio a actitude da Xunta”, sostén.

No pasado mes de decembro, Xunta e Deputación diferiron nos prazos de apertura do servizo, polo que o rexedor suxire que o retraso pode ter unha intención política. 

EMPRESA ADXUDICATARIA

O rexedor explicou que a Deputación está “nestes días en proceso de selección da mellor empresa que poida levar a xestión xunto co propio goberno provincial”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here