Baristas de talla internacional cítanse no IES de Foz do 13 ao 15 de febreiro

Os campionatos de escolas de hostalería, de cata de café e de profesionais son "un referente" a nivel estatal

Presentación do campionato de baristas este venres no EIS de Foz

O IES de Foz acollerá os días 13, 14 e 15 de febreiro a baristas de talla internacional con tres citas que son xa un clásico do calendario de inverno na Mariña Lucense.

A décimo segunda edición do Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería celebrarase o mércores, 13 de febreiro. Ese mesmo día, a partir das 17.30 horas, terá lugar o sétimo Campionato Internacional de Cata de Cafés de Escolas de Hostalería.

Para o venres queda a sétima edición do Campionato Internacional de Baristas Profesionais IES de Foz.

O programa deseñado pola dirección do centro educativo para estes días complétase cunha demostración de coctelería de autor, o xoves, e unha degustación de cafés na cafetería e no pavillón, os días 14 e 15 en horario matinal, de 9.30 a 13.00 horas.

Este xoves presentáronse os tres eventos nun acto no que participaron o alcalde de Foz, o popular Javier Castiñeira; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro; e a xefa territorial de Educación, Mariña Gueimunde.

APOSTA POLO CAFÉ

O director do IES de Foz, Nicolás Asensio, agarda que “poida asistir o maior público posible para coñecer a tarefa que facemos. Estamos a centrarnos no café, o que nos diferenza doutros integrantes da Rede Galega de Centros de Hostalería. Ten unha gran capacidade de desenvolvemento e de futuro no ensino”, asegurou.

“DÁ PROXECCIÓN A FOZ”

Castiñeira, pola súa banda, sinalou que “para Foz é un tremendo orgullo celebrar novamente o concurso de baristas. É un certame que nos distingue e que dá calidade e proxección ao municipio. Fainos coñecidos en moitos sitios”, concluíu.

“PLATAFORMA” PARA O MERCADO LABORAL

Balseiro valorou que estes campionatos “son un referente en todo o Estado” e “unha plataforma para os alumnos e profesionais do sector do café de cara á súa proxección no mercado laboral“.

EMISIÓN EN DIRECTO

O Campionato Internacional de Baristas poderá seguirse a través do facebook do Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo. Doce alumnas e alumnas do segundo curso do Ciclo Superior de Realización encargaranse da gravación, realización e emisión en directo das probas como exercizo práctico para completar a súa formación, como fixeron nos últimos anos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here