Empresarios de Barreiros expoñen as “carencias” do polígono industrial

O BNG insta ao goberno local a reunirse cos propietarios das empresas para abordar a falta de fibra óptica e sistemas de vixilancia ou o deficiente alumeado

Polígono industrial de Barreiros. GOOGLE MAPS

O BNG fíxose eco a través dun comunicado das queixas dos empresarios do polígono barreirense ante as “carencias” que ten o parque industrial.

Os nacionalistas aseguran que, nun escrito dirixido á corporación municipal, os empresarios citan “a necesidade de dispoñer de fibra óptica ou o deficiente alumeado, que se suple en moitos casos coa iluminación das propias naves”.

Segundo expón o grupo municipal do BNG, “a recollida de lixo; a rede de sumidoiros; a sinalización e pintado das rúas; a falta de limpeza das parcelas que están sen edificar e a ausencia de sistemas de vixilancia” son outras das deficiencias apuntadas polos empresarios.

“VONTADE POLÍTICA”

A voceira e candidata do BNG de Barreiros, Ana Ermida, asegura que “a todos estes problemas pódenselles buscar solución se hai vontade política de facelo. E para iso, o primeiro que hai que facer é atender as peticións e reunirse coas persoas afectadas”, afirma.

A-74

No escrito, as persoas titulares das empresas apostan tamén pola efectiva realización da obra que permita un acceso directo do polígono coa autovía.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here